Enrique Mallón: "A tensión con Rusia fará aumentar os proxectos do metal galego en defensa"

Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, expresa nunha entrevista con Galicia Press cales son os campos máis dinámicos para o metal galego así como as áreas onde a especialización pode levar por bo camiño as empresas relacionadas con el. A aposta pola diversificación e os avances tecnolóxicos garantirán o futuro dun sector que non só se debe centrar no automóbil ou no naval. Por outra banda, reclaman a materialización das melloras en infraestruturas de cara á competitividade do sector en Galicia.


|

 

Foto enrique mallon 2 422 3641516 20210712180144
Enrique Mallón/ASIME


 

-Cal é o peso que ten o sector do metal en Galicia actualmente?

Hoxe en día o metal supón o 19% do PIB galego e cuns 57.000 empregos directos. O pasado 2023 tivemos un incremento do 3% en emprego e da facturación un 16% de suba. Dentro do último informe sectorial que presentamos, unha das conclusións máis claras son os nichos de crecemento para o noso sector que, desde o noso punto de vista, estarán enfocados en industria aeroespacial, eólica mariña e industria de defensa. Sobre esta última, entendemos que coa situación global, especialmente cos países limítrofes con Rusia, haberá un incremento de proxectos neste campo. O sector do metal definímonos como a columna vertebral da industria en Galicia, porque o 38% do emprego industrial de Galicia está no sector do metal.

 

-Hoxe en día a importación tanto de materias primas como de enerxía supoñen uns custos elevados para as empresas do sector en Galicia?

O consumo de enerxía está sobre un 30% dos custos fixos da industria do metal. A importanción de materias primas séguese facendo maioritariamente fóra de España cun incremento actual das importacións chegadas de Asia, reducindo a dependencia de mercados como o ruso polas sancións económicas e de Ucrania pola destrución de factorías metalúrxicas. Esa dependencia é prexudicial para o sector galego e por extensión para o español, por tanto, sería bo a produción de materias primas no noso territorio como é o caso do aluminio primario en Alcoa. Por iso dicimos que se se perde ese potencial, sería unha mágoa.

 

 

 

 

 

-Dan por sentado que se perda Alcoa?

Non, non damos por sentado a súa perda, debemos estar atentos ás vindeiras datas, iso si. As novas que imos coñecendo non son moi boas e desde logo hai xa moito tempo que produción está moi reducida e iso non é nada bo. Cremos que tanto España como a UE deben apostar pola produción en cercanía, especilamente materias primas estratéxicas para a industria. Cremo que a UE caeu na conta tarde, cremos que tarde, mais a ver se agora articula medidas acaídas para producir materias necesarias para a nosa industria.

 

-Cales son os valores que pode aportar o metal galego ás tres áreas que nomeou anteriormente: defensa, eólica mariña e aeoroespacial?

Sobre todo na aeroespacial e na eólica mariña xa se está mostrando o noso valor pois levamos traballando máis dunha década. Pedimos intensificar os investimentos por parte das empresas, aumentar os apoios públicos e traballar para aumentar as capacidades desta industria. Hai moita capacidade e as perspectivas de traballo para os vindeiros anos son moi boas. Na industria de defensa temos uns catorce ou quince exemplos, mais sabemos con certeza que este sector vai medrar moito e aí poderemos aportar capacidade de fabricación, coñecemento, tecnoloxía e experiencia en industrias moi competitivas como é o sector do metal no seu conxunto e en especial o sector aeroespacial e a aeronáutica. Tamén temos unha ubicación xeográfica con cinco portos estratéxicos e con iso podemos facer valer as nosas capacidades.

 

-O actual proceso de descarbonización e a substitución por enerxías alternativas pode estar detrás de decisións como a de Alcoa e outras empresas para pechar? Ven a implantación deste proceso como moi acelerado?

Pode influír, mais nós cremos que a descarbonización é unha obriga porque existe unha postura unánime na UE por descarbonizar de maneira acelerada, iso non está en discusión. Agora debemos adaptarnos, algunhas grandes industrias sufrirán por estas medidas, perderemos algún tipo de produción mais España e a UE deberán facer algo para equilibrar a rebaixa de emisión de gases coa produción de materias primas. Se non o facemos nós, farano outros. Debemos aplicar solucións tecnolóxicas existentes e outras novas para non perder produción estratéxica e que se contamine menos.

 

 

 

 

 

-Sobre as solucións tecnolóxicas é necesario falar do I+D+i. ASIME que propostas pon sobre a mesa?

Cremos que a investigación, a innovación e o desenvolvemento son estratéxicos para a industria e hoxe podemos dicir que Galicia está competindo a nivel internacional con máis do 90% das nosas industrias internacionalizadas, e obviamente hai que adoptar políticas públicas para investir en I+D+i. Nese aspecto, tanto Galicia como España están lonxe dos obxectivos marcados pola UE de aposta para o sector público e a innovación, ademais, as empresas privadas teñen máis conciencia da necesidade de investir nos apartados de investigación, desenvolvemento e innovación pois senón, o mercado internacional bótate fóra. Hoxe en día, o sector do metal en Galicia, que xa nos chamamos Sector Metal e Tecnoloxías asociadas, debe aplicar moito máis a tecnoloxía para poder existir. Aquí non falamos de cortar ferros, estamos falando de fabricar vehículos, barcos, aeronaves e tecnoloxía.
 

-E que ocorre cos traballos máis básicos dentro do metal, que están desaparecendo, non se poden recuperar para ampliar o tecido industrial?

Nós cremos que o tecido industrial galego por si mesmo é competitivo. Obviamente, hai eivas, falta de persoal cualificado, falta de infraestruturas que nos fan menos competitivos mais non cremos que a situación en Galicia sexa mala. Aínda así, se queremos chegar ao 20% de industria no territorio queda moito camiño por percorrer. Debemos potenciar o achegamento de investimentos a Galicia, potenciar tamén os sectores más tradicionais sen esquecer os novos nichos de mercado onde si temos representación, insisto, mais queda camiño por percorrer.
 

-ASIME traballaría para apoiar a instalación de start-ups de desenvolvemento tecnolóxico co obxectivo posto no metal?

Estamos intentando potenciar as start ups de novos emprendedores. Mesmo na Feira MindTech, que se celebra cada dous anos, agora toca en xuño de 2025, e aí temos un espazo moi amplo para que empresas de toda España presenten as súas novidades técnicas e tecnolóxicas para fortalecer a cadea de valor industrial do sector do metal. Hai algunhas stat-ups xa son mercadas no seu segundo ano de vida por grandes corporacións. Por tanto, si entendemos que é necesario investir en start-ups.

 

-Entón por que é tan difícil botar a andar con iniciativas así en Galicia?

Non é difícil só en Galicia, é difícil a nivel mundial crear unha start-up e logo que teña prendementos suficientes para funcionar, isto é xeral. É posible dar máis apoio a estas iniciativas empresariais, mais deben ser competitivas por elas mesmas dando cun produto interesante para o mercado. Por tanto, é innato a case calquera empredemento que haxa dificultades nos comezos. 
 

-Falabamos antes da loxística e ao transporte. Que elementos deberan ser abordados nesta área para ser máis competitivos?

Somos abondo críticos coa situación actual, cremos que Galicia estivo esquecida en relación aos investimentos públicos e por iso dicimos que se debe mellorar moito aínda na conexión ferroviaria mais vemos que, por fin, chega o AVE a Galicia. Consideramos que se deben adoptar medidas sobre as autoestradas e autovías, vemos con envidia a decisión de Portugal de eliminar as peaxes desde Porto a Vigo e cremos que deberiamos copiar iso. Debemos facilitar o transporte de cidadáns e mercadorías para que a economía sexa máis competitiva. 

 

-Sería perigoso que o metal galego se especializase nun produto en concreto?

Desde ASIME defendemos que a diversificación é beneficiosa, mesmo cando había voces que criticaban esa postura de ampliación e non só centrarnos en automoción e naval, por tanto, debemos traballar diferentes industrias ou actividades. Hoxe en día os mellores exemplos que temos son empresas que diversifican dividindo a produción en diferentes segementos: estruturas, automoción, naval, etc. Iso é un valor, ampliar o número de actividades porque non todas teñen o mesmo nivel de ocupación ou produción.
 

-A diversificación podería entenderse tamén como a instalación de industrias en diferentes lugares, non concentrar todo nun único lugar?

Dependerá dos investimentos realizados en cada territorio. Evidentemente vemos con bos ollos que se fagan políticas que intenten potenciar territorios que non teñan industria. Isto hai que incentivalo con algunhas vantaxes porque os investimentos irán destinados a lugares cunha industria sólida. Aí as políticas públicas teñen moito que dicir, se queren levar industria a lugares sen tradición industrial deberán crear algunha achega para facer atractivos eses espazos.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE