‘Manual de resistencia’, a serie

Rodrigo Brión Insua

Viron a serie ‘The Crown’? Eu non. Non sei si pola preguiza inmensa que sinto cada vez que quero empezar unha serie ou pola miña negativa a empatizar de calquera forma con todo o que teña sangue azul. Descoñezo si é boa, pero coméntase que está entretenidilla. Parece que todo o bo vén de fóra. Seica España non podería ofrecer unha produción semellante? Xa non digo coa nosa Casa Real -que ten un guion máis propio de telenovela venezolana que de Hollywood-, senón coa cosmología política desta pel de touro. Non podería Pedro Sánchez ser a nosa Diana de Gales? Si Netflix dá o paso de comprar os dereitos tería unha trama que ri ti de Dalton Trumbo.
 

Desde o capítulo un, con Pedro subido ao seu Fiat Punto disposto a percorrer a península de punta a punta despois de ser defenestrado polo seu propio partido, até o final desta tempada, coa xa lendaria ‘Carta á cidadanía’ como cliffhanger. “Merece a pena todo isto? Sinceramente non o sei”. Fundido a negro. E todo o público pegado á tele cos ollos como pratos.

 

Entre medias, flashbacks á súa renuncia como deputado, o seu ascenso a secretario xeral do PSOE, a súa chegada á presidencia, pandemias, guerras, abrazos con Macron, paseos en Falcon… “Oh! O capítulo do volcán! Este é buenísimo”, diremos os espectadores, lembrando episodios que criamos esquecidos. Habería que facer un casting, claro. Que actor podería encarnar a Pedro? Ocórreseme que Toni Cantó. Creo que ultimamente ten as tardes desocupadas. Ademais, talvez sexa o máis cerca que poida estar de ser presidente…e de parecer un político. 
 

Que nos deparará a nova tempada? O argumento parece ser a “rexeneración democrática” e a subtrama o “lawfare”. A muller do presidente, até agora un actor secundario, ascende a protagonista nos próximos episodios. Ese era o talón de Aquiles do home que escribiu ‘Manual de resistencia’: o seu doñita. E eu, home branco cis hetero, non podo máis que comprendelo.

 

Sinalaron á contraria e o presidente revolveuse, algo que non fixera antes. Talvez nese momento sentiu inxusto e lembrou aquilo de “Primeiro viñeron a por os comunistas, pero como eu non era comunista non fixen nada. Agora veñen a por min, e xa é tarde”. A dita, en calquera caso, é boa, aínda que as formas sexan discutibles. A decisión de pór pé en parede e situar o foco sobre pseudomedios, sindicatos de pacotilla e membros da xudicatura conchabados con intereses espurios chega tarde, pero chega, que é o relevante. 
 

A trama complícase cos Inda, Quiles, Alvise, Negre, Vallés ou Ferreras no rol que mellor saben interpretar. Nin sequera son vilegos. Son os adláteres de instancias superiores que os utilizan como minions, esbirros que fan o traballo sucio para outros e, xa de paso, deixan en moi mal lugar a esta xa de seu deostada profesión. Oxalá houbese algunha forma de, non sei, evitar que panfletos dixitais deixasen de facer circular bulos con titulares apocalípticos que logo hombrecillos ultrafascistas como Bernad utilizan para “fundamentar” as súas denuncias ante xulgados onde esas difamacións infundadas son consideradas unha base o suficientemente robusta como para iniciar unha investigación. 

 

Talvez si houbese algunha maneira de cortar o financiamento a estes portais de fake news, sostidos por axudas de administracións que dedican inxentes cantidades de diñeiro público para, que sei eu, talvez usalos para o seu autobombo e con fins maquiavélicos, como puidese ser polarizar á sociedade, dar a imaxe de que todo vai mal e facer crer que o que pasa en Madrid é un reflexo do que ocorre en cada rúa do territorio nacional. Si tan só houbese algunha forma para, talvez, encausar a todos aqueles que sistematicamente publican noticias falsas co único fin de danar as institucións. 

 

Pero non. Vivimos no mundo real, onde se supón que os xornalistas non debemos apuntar a outros “xornalistas”, por moito dano que fagan á profesión. Aquilo de que “simio non mata a simio”. A prensa libre, esa con a que se nos enche a boca, non existe. As regras do xogo son estas, coñecémolas todos e non podemos morder as moitas mans que nos dan para comer. Con todo, non deberiamos confundir liberdade de expresión con liberdade de prensa. Os xornalistas temos dereito a expresarnos e a cidadanía a estar informada, pero correctamente informada. É a nosa responsabilidade que así sexa, que contrastemos, que desmintamos, que fagamos as preguntas incómodas e que, si, reprendamos a eses pseudomedios que tanto dano nos fan.  
 

En calquera caso, estou impaciente por saber que nos deparará este T7x01 titulado ‘Pedro contra a máquina do lodo’. Que plot twist atoparémonos? Algún tan bo como cando Pablo Casado quixo facer as cousas ben e a produtora decidiu matar ao seu personaxe? Veremos cameos dalgún actor de tempadas anteriores, como Albert Rivera ou Pablo Iglesias? Haberá algunha batalla épica ao bordo dun cantil durante as eleccións catalás? quedarán os guionistas sen ideas e porán a Froilan a saltando unha quenlla? Van pasar cositas. Non sei si ‘The Crown’ é boa, pero España é mellor.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE