Ourense precisa máis que "charangas": PSOE e BNG instan a Jácome a arranxar a crise económica do Concello
A situación é tan grave no Concello, onde moitos traballadores, especialmente bombeiros e policías, seguen sen percibir a totalidade da nómina, que os grupos municipais denuncian que xa atopan dificultades para adquirir material de ferraxaría.
A delicada situación económica do Concello de Ourense contrasta coa animada proposta musical para as Festas de Ourense do próximo mes de xuño que contará con, entre outros, a Panroama, o Combo Dominicado ou a Orquestra Funçao Publika. Gonzalo Pérez Jácome, que nunca escatimou en gastos no que a celebracións se refire, enfróntase desde hai semanas a un gran conflito na súa administración, onde entre cesamentos e nomeamentos hai decenas de traballadores que aínda non cobraron a totalidade das nóminas de marzo, abril e maio.
Neste escenario, desde os grupos municipais do Partido Socialista de Ourense e do #BNG veñen de presentar unha moción conxunta para que se celebre un pleno extraordinario no que abordar esta crise que, aseguran, resulta "moi perigosa para as arcas municipais" despois de que o propio Jácome recoñecese que non ían dispor de borrador de orzamentos para este 2024.
NON HAI NIN PARA PARAFUSOS
Este feito define un "futuro sombrío e preocupante" na administración local, augura o BNG, que fai un diagnóstico de "respiración asistida" na economía da cidade termal, afectada pola sentenza que arrastra economicamente ao Concello e que agora pon "en risco", aseguran os nacionalistas" que moitos empregados "cobren a totalidade da súa nómina" mentres provedores e acredores "levan meses acumulando facturas sen pagar".
"Até o nivel de que o Concello está a ter dificultades para adquirir material dunha ferraxaría porque a xente ao non cobrar non dá o material", reprende Luís Seara, portavoz do BNG, que apunta que este non é un problema novo e que se perpetuou no tempo, sen que ninguén dea explicacións até agora, motivo polo que piden o pleno extraordinario.
As PREGUNTAS A JÁCOME
Pola súa banda, a socialista Natalia González volve pór o foco na situación "crítica" e "perigosa" da hucha municipal, polo que considera que os veciños merecen "unha explicación" que lles presente a situación "real" da cidade ante o "obstrucionismo e escurantismo" que se está empregando, di, contra os grupos políticos.
"Temos charangas, pero iso non nos vale", censuran desde o Partido Socialista, que piden máis detalle a Jácome. "Canto é a débeda, canto custan o 90% das concesións que están en precario e canto sairá da hucha dos cidadáns", pregunta González.
"Creo que non somos conscientes de que esta situación precarizada desde que chegou ao goberno Pérez Jácome, e xa antes arrastrada por parte do goberno en solitario do Partido Popular, cada día suma diñeiro público que estamos a pagar maiores por uns servizos de peor calidade", agregou, levando este desgoberno a asuntos como o servizo de axuda no fogar, do que dependen "máis de 500 persoas maiores e en moitos casos dependentes" que, sen solución, "quedarán sen asistencia","
Escribe o teu comentario