A Xunta saca peito cos 8 millóns investidos na UCI do CHUO, onde non teñen nin auga quente

O novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presumiu no Parlamento das melloras no Hospital de Ourense, onde estrearon recentemente unha UCI que os traballadores non deixaron de denunciar desde moito antes da súa apertura. A pesar da millonada investida nas instalacións, o persoal de enfermaría denuncia a Galiciapress que moitas das deficiencias non foron corrixidas, que segue faltando persoal e que asean aos pacientes "con auga morna, porque non temos auga quente". 


|

Antonio Gu00f3mez Caamau00f1o
Antonio Gómez Caamaño no traspaso de poderes como novo Conselleiro de Sanidade

 

Unha Unidade de Coidados Intensivos moderna, ampla, que responde as necesidades que expuxo a Covid-19. Así vendeu o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a nova UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) a pasada semana en sede parlamentaria, en resposta ás cuestións presentadas polo #BNG. Durante a sesión plenaria ao flamante novo conselleiro non lle tremeu o pulso ao falar das 30 camas coas que conta a UCI, os modernos boxes da unidade e a última tecnoloxía en alarmas e outros sistemas do complexo. Equipamentos que custaron oito millóns de euros, segundo cifrou o conselleiro. Un diñeiro insuficiente, ao parecer, para dotar á UCI de algo tan básico como a auga quente.

 

"Investiron oito millóns de euros pero aseamos aos pacientes con auga morna porque non temos auga quente", denuncia unha das enfermeiras da unidade en conversación con este diario. Non é a primeira vez que denuncian as moitas carencias desta UCI, algo que xa advertiran en novembro, cando comezou o traslado, e que se acrecentou cos picos da onda gripe e o pasotismo dunhas autoridades sanitarias que tardaron moito e a contagotas en responder ás súas reclamacións.

 

 

NIN 30 CAMAS NIN TODOS Os MEDIOS DISPOÑIBLES

"Antes de que abrise a UCI as enfermeiras e os sindicatos xa explicamos as deficiencias que criamos que iamos atoparnos. Abriuse igual e cando a abriron víronse as deficiencias que, efectivamente, existían", detallan desde o colectivo de enfermaría. Nese sentido, o primeiro erro, e máis grave, é a distribución do espazo, algo que reiteraron en moitas ocasións. 

 

"É unha UCI lineal. Non está pensada para poder vixiar aos pacientes, acceder á farmacia e demais", debullan. Un problema que só se podería corrixir cun incremento de persoal, algo do que non queren nin ouvir falar na Xerencia do CHUO. "Temos unha UCI de nivel 2", lembran as enfermeiras, que piden que se adecúe o cociente de persoal ás características desta unidade. 

 

Denuncias uci Ourense
Foto: COE de Ourense

 

Por outra banda, desmenten a afirmación de que conten cunha enfermeira de mañá fixa. "Esa enfermeira non ten labor asistencial propiamente. Ten outras tarefas distribuídas que non son prestar asistencia directa ao paciente. Si axuda e demais, pero non podemos contar con ese efectivo", explican. De feito, e aínda que as cifras que achegou Sanidade de que a unidade contaba con 48 enfermeiras, unha supervisora e 34 técnicas en coidados auxiliares de enfermaría son correctas, a cuestión de fondo é que "non están ben establecidas por quenda", especialmente desprotexidas nas quendas de tarde e noite.

 

No entanto, desde a UCI si recoñecen que algunhas deficiencias se "tentaron emendar" co tempo, aínda que non deixan de ser "parches". "Unha UCI que custou tantos millóns de euros non se pode abrir con parches, ten que abrir a pleno rendemento", reprenden as enfermeiras. Nesa liña, pon como exemplo as 30 camas das que fala o conselleiro, que supuxo un incremento da capacidade asistencial do 30% con respecto á outra UCI.

 

 

 

"Actualmente hai 20 camas. Hai dez na UCI e dez na URPA. Perdemos camas. Enténdese que as perdemos pola reforma, pero hoxe temos 20 camas", corrixen. En calquera caso, a UCI non ten as dimensións axeitadas aos requisitos que establece o Ministerio de Sanidade, sendo algúns boxes máis pequenos do indicado, o que dificulta o movemento dos profesionais, polo que prácticas, como as de respirador e aspiración que, "supoñen un risco para a extubación do enfermo". Por faltar, insisten, faltan até persianas. 

 

A todo isto hai que engadir os novos aparellos e a formación que están a realizar para aprender a utilizar todos estes recursos. O nivel de tensión no persoal é moi grande e non se viu aliviado nos últimos meses, a pesar de que o propio colectivo denunciaba o inverno pasado a situación límite na que se atopaban. 

 

No referido ao sistema de alarmas, que denunciaron no seu día por ser imposible identificar de onde viñan os sinais acústicos, aínda que se deron algunhas melloras seguen padecendo o problema da alarma central, cun monitor "ao principio da unidade que dificulta que nos decatemos de si a alarma soa ou non".

 

NON REPETIR ERROS

Agora, todas as esperanzas das enfermeiras pasan por que non se repitan os erros na nova UCI, xa que o Sergas prevé pór en marcha a segunda fase da unidade de coidados intensivos do CHUO no segundo semestre do ano. "Queremos que se poña unha correcta central de alarma cando abra a nova obra. Que estes erros non se cometan na segunda fase", pide o persoal, que aínda non ten datas concretas sobre cando estará completamente lista a nova unidade, cunhas obras tívoa paralizada durante meses.
 

Obras ampliaciu00f3n chuo
Obras de ampliación do CHUO | Foto: Xunta

 

A continuación, e sen concretar cando será, reclaman que no momento de realizar o traslado non se faga ás présas como o ano pasado nin nunha época de alta actividade asistencial como ocorreu durante a última onda de gripe. "Fixemos o traslado en decembro, con dúas camas menos, persoal de vacacións, coincidindo con traslados...foi bastante complicado de xestionar", precisan. 

 

Nestes momentos, os encontros entre o persoal coas autoridades sanitarias pasan por reunións nas que se abordan aspectos como o material que necesitan, momento no que "se nota que nos escoitan". No entanto, se o debate vira sobre a contratación de máis persoal, xa tuercen o xesto "e a resposta é non", mentres se atopan á espera de coñecer que método vaise a utilizar para medir a carga asistencial que están a experimentar, xa que o SERGAS carece dunha escala determinada para medir a carga de traballo. 
 

 

"Coa distribución da UCI é imposible traballar e ofrecer calidade", lamentan, xa que a súa preocupación é o benestar dos pacientes, polo que a próxima semana volverán realizar unha concentración ante o hospital ourensán para denunciar todas as carencias que aínda acosan á UCI. "Todo repercute nos coidados que damos á poboación. Se estou con tres pacientes cando debería estar con dous, en ocasións non pode chegar a todo. É imposible garantir coidados de calidade", resolven. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE