Axudas para material escolar en Galicia, son útiles?

As axudas ao material escolar para as familias galegas supoñen nalgúns casos un pequeno alivio, ás veces, porque en moitas ocasións as propias familias deben realizar un desembolso importante ao comezo de curso. Por outra banda, as maiores críticas ao sistema de axudas establecido pola Xunta descansan na falta de gratuidade universal dentro do sistema educativo público


|

Archivo - Niños, alumnos, escolares, educación, escuela, centro escolar.
Arquivo - Nenos, alumnos, escolares, educación, escola, centro escolar.

A Xunta aprobaba un orzamento de 17 millóns de euros para apoiar ás familias á hora do gasto escolar: libros de texto e materiais. Así o anunciaba o presidente da Xunta o pasado 29 de abril. Debullando este orzamento temos que para libros de texto non reutilizables que son os de 1º e 2º de Primaria, as subvencións serán de 240 euros para familias con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros. Con máis de 6.000 euros e até os 10.000 as axudas serán de 160 euros para libros. En caso de alumnado de Educación Especial serán 300 euros, sen importar a renda nos dous primeiros cursos de primaria. O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo accederá a axudas en todos os cursos, 240 euros e 160 en primaria e 270 euros e 180 na ESO. O material escolar terá uns vales que se dividen en dúas categorías: renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, reciben 75 euros por alumno, se superan os 6.000 euros até os 10.000 serán 60 euros por alumno. Feito este apuntamento, hai algún fallo?
 

MATERIAL E LIBROS

“Setenta e cinco euros non son suficientes. Canto custa un caderno, lapis ou bolígrafos? Se a Constitución recolle o dereito a un ensino gratuíto e universal, por que o material non é gratuíto?” di Isabel Calvete, de ANPAs. Sobre os libros de texto sinala que a día de hoxe estes reponse cada certo tempo, pero aínda así, o mes de setembro supón pagar entre 500 e 700 euros en libros. “O ideal sería volver ao banco de libros nos colexios, volvemos á idea de gratuidade no ensino público”.

 

“Deberíase volver á gratuidade dos libros de texto, algo que aplicara o goberno bipartito e que se eliminou a partir de 2009” sinala Suso Bermello, CIG-Ensino. Bermello sinala que a gratuidade do material escolar debería ser sufragada con diñeiro público “nun sistema económico progresivo, onde quen máis ten paga máis”. En canto ás axudas que presentaba a Xunta o pasado luns 29 de abril: “isto non é máis que política de beneficencia por parte do goberno autonómico”.

 

 


 

Por outra banda, tamén está a idea de que un libro de texto poida ser reutilizado para o seguinte curso, no entanto, as revisións dos mesmos realízase cada seis anos e, aínda que poden variar apenas, nese momento toca comprar novos textos de consulta. 


 

FALTA DE ORZAMENTO PARA LIBROS?

En canto ao orzamento que se dedica cada ano a educación en Galicia, o ensino concertado absorbe un orzamento elevado que non permite sufragar libros e material escolar na pública? “Non, non creo, porque hai casos como o de Euskadi onde o 50% do seu sistema educativo é concertado, con todo, os salarios dos profesores na pública e os investimentos na mesma non ven mermados” di Bermello.

 

“Para min non ten moito sentido o envío de alumnado á concertada cando na pública existen prazas suficientes para ser cubertas” di Isabel Calvete. Segundo fontes sindicais, o ensino concertado supón o 30% do total de centros galegos. “Os centros concertados non deben ser unha coartada para non investir diñeiro no ensino público” di Bermello. A existencia da concertada supón unha “cuestión política” á vez que o incremento dos investimentos en ensino público necesitan dunha “decisión política” no caso de Galicia. 

 

Esa decisión levaría a un incremento no gasto público que permitiría, en caso de realizar, un sistema solidario de préstamo de libros de texto. “Con todo, unha axuda nunca vén mal, quen a recibe está satisfeito, pero se aplica un baremo igual para quen ten máis recursos e para quen ten menos” cando podería ser necesaria unha ponderación de orzamentos familiares máis en profundidade.
 

As axudas ás familias para material escolar e libros de texto non son unha cuestión baladí, son necesarias e en ocasións adoitan favorecer a equiparación entre o o alumnado á hora de acceder ao coñecemento. Con todo, considérase necesario ou ben o seu incremento segundo as rendas familiares ou a completa gratuidade de libros e material para o ensino público.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE