O camiño á independencia das persoas con discapacidade física
COGAMI desenvolve un proxecto piloto de apoio á vida independente para persoas con discapacidade física en Galicia
Experiencia na vivenda lanzadeira | Imaxe: COGAMI
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) está a desenvolver un proxecto piloto na Coruña para promover a vida independente da persoas con discapacidade. A asociación considera que, cos apoios necesarios, as persoas con discapacidade "poden ter unha vida autónoma e independente".
O programa SAVI, Servizo de Apoio á Vida Independente, traballa con cada persoa desde formación ata a procura de emprego. Para iso, as usuarias de SAVI contan con servizos de asistencia persoal que establecen itinerarios baseados nos intereses e as necesidades manifestadas pola persoa, "sendo esta a que tome as súas propias decisións".
Para desenvolver o proxecto, COGAMI conta cunha "vivenda lanzadeira" para achegar unha experiencia real de independencia. Segundo explica a asociación, resultou complicado atopar o piso na Coruña "por carecer de pisos adaptados e accesibles e cun aluguer alcanzable á realidade socioeconómica das persoas con discapacidade".
Así as cousas, desde que empezou o programa en xaneiro participaron 13 mulleres e 25 homes de toda a comunidade ás que acompañan dúas traballadoras sociais, unha educadora social e seis asistentes persoais.
Escribe o teu comentario