Subvencións para contratar mozos menores de 35 anos
Empresas, autónomos e Ongs poden solicitar desde xa as axudas para contratar a tempo completo a mozos con título de FP superior ou universitario pero con pouca experiencia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abre este mércores o prazo de solicitude do programa co que busca impulsar a Industria 4.0 a través da contratación de 140 mozos menores de 35 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a iniciativa destinada á especialización e o acceso ao mundo laboral dos mozos con titulación universitaria ou de técnico superior de Formación Profesional na que o Goberno galego investirá ata dous millóns de euros.
A través desta liña de axudas, denominada Profesionais 4.0, o Executivo autonómico incentivará a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou agrupacións industriais, "para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no ámbito da Industria 4.0".
ÁREAS SUBVENCIONABLES
"As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión de calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros", indicou a Xunta nun comunicado.
O prazo de solicitude para optar a estes apoios terminará o próximo 7 de outubro e a porcentaxe de axuda poderá alcanzar o 75% da retribución bruta do período subvencionable, cun límite de ata 16.000 euros, e cada entidade poderá optar a un máximo de cinco contratos incentivados, cunha duración dun ano cada un.
Tal como explicou a Consellería, a iniciativa enmárcase na nova Axenda 4.0, para cuxo desenvolvo a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022 e que ten como principais obxectivos "anticiparse aos cambios do novo modelo, así como aumentar o tamaño das empresas e favorecer a aposta polo talento dixital", entre outros.
Escribe o teu comentario