Denuncian unha empresa de autobuses por trasladar persoas discapacitadas sen permiso
Axentes especialistas na inspección de transportes do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia interceptaron na AP-9 un autobús que realizara un transporte internacional de viaxeiros sen a correspondente Licenza Comunitaria, que ampara o transporte internacional dentro da Unión Europea, ademais doutras infraccións en materia da lexislación de transportes.
Estado dos asentos
Segundo informou o Instituto Armado, esta inspección "levantou as sospeitas dos gardas civís" que procederon a realizar unha inspección "máis exhaustiva" en diversos roteiros da empresa que opera desde A Coruña.
Froito desas inspeccións, relataron as mesmas fontes, detectouse que esta empresa realizaba un servizo regular de uso especial de viaxeiros sen a correspondente autorización para efectuar este desprazamento.
O autocar foi sorprendido cando circulaba pola AP-9 e desviado á área de servizo de Ordes para o seu control. Transportaba en diversos roteiros a persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida a un centro ocupacional da provincia da Coruña. "Todo iso sen as correspondentes autorizacións de uso especial que concede a Xunta de Galicia para este tipo de transportes", subliñaron as mesmas fontes.
DENUNCIAS
Os axentes inspeccionaron oito autobuses, todos da mesma empresa, e formuláronselle once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións ao Regulamento Xeral de Vehículos por infraccións "graves e moi graves", indicaron as mesmas fontes.
Ademais das denuncias por carecer das correspondentes autorizacións que levan aparelladas sancións económicas de 4.000 euros, formuláronse denuncias por cuestións técnicas como a ausencia do dispositivo acústico de marchas atrás, fallos na apertura das portas de emerxencias, carencia de caixa de primeiros auxilios, extintores caducados desde marzo de 2018 e diversos asentos "severamente degradados, con roturas en tapizado e parte acolchada que poderían ocasionar lesións en caso de sinistro ao non estar protexidas as partes metálicas dos mesmos", concretou a Benemérita.
Os axentes, non puideron comprobar que tiñan contratado o seguro de responsabilidade civil ilimitada, obrigatorio para transportar viaxeiros deste tipo, cuestión que deberán acreditar ante a Xefatura de Tráfico da Coruña.
INSPECCIÓNS
"
A seguridade é a máxima prioridade para as empresas dedicadas ao transporte de viaxeiros e as cifras de sinistralidade anuais reflicten que este é un sector seguro", lembra o Instituto Armado.
Para a Garda Civil, segundo destacou, "a protección dos transportes de viaxeiros en xeral e de escolares e colectivos vulnerables en particular, é unha prioridade".
Os gardas civís realizan inspección e control deste tipo de transportes de viaxeiros, tanto de uso regular, como de uso especial e de escolares durante todo o ano á marxe das campañas específicas que se realizan.
Nas inspeccións periódicas que se realizan aos transportes de viaxeiros os gardas civís verifican o uso do cinto de seguridade, tempos de condución e descanso, velocidade, alcol e outras drogas, autorizacións e documentos tanto do vehículo como do condutor.
Escribe o teu comentario