Feijóo, sobre a taxa turística en Santiago: "Un debate respectable, pero improvisado"
Non considera que este asunto estea "maduro" e remarca que "en Galicia aínda non hai un problema de overbooking".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou, sobre a proposta do Concello de Santiago de impoñer unha taxa turística, que non considera que este asunto estea "maduro" e, tras remarcar que "en Galicia aínda non hai un problema de overbooking" en viaxeiros, engadiu que se trata de "un debate respectable, pero improvisado".
"Xa sei que hai taxas turísticas nalgunhas partes de España e do mundo, polo que a proposta esixe un respecto, pero creo que debe levar consigo de forma inevitable un consenso para poñela en marcha e non romper a uniformidade turística en Galicia", subliñou, preguntado sobre esta proposta, ao termo do Consello da Xunta.
Feijóo preguntouse, ademais, para que está concibida: para recadar o Concello ou contribuír ao sector. Respecto diso, defendeu que se a taxa aspira a contribuír a "mellorar" o sector, sería necesario dialogar co mesmo.
"Non me parece que o tema estea maduro como para meter unha taxa na que o sector está en contra", reflexionou, antes de defender que en Galicia aínda hai que traballar para que "cheguen máis turistas" e os que cheguen, "queden durante máis tempo".
"En zonas masivas de turismo onde entran millóns de persoas ao sector igual lles interesa seleccionar os turistas e a renda para facer unha gran campaña de destino, non para que o Concello teña máis ingresos. Pero en Galicia aínda non temos overbooking", resolveu.
Escribe o teu comentario