O novo presidente da patronal recoñece que "é hora de subir salarios"

Di que a economía está "anémica por falta de consumo" e critica a reforma laboral por xerar "unha precariedade elevadísima".


|

Antonariasceg 1


O novo presidente da Confederación Galega de Empresarios (CEG), Antón Arias, asegurou que "é hora de subir salarios" porque é necesario reverter a "economía anémica" da actualidade e que a sociedade recupere "poder adquisitivo".


Nunha entrevista este domingo na Radio Galega recollida por Europa Press, Arias defendeu que "hai marxe" para afrontar unha subida salarial, unha "reflexión interna" que debe "poñerse encima da mesa cos interlocutores sociais".


"Na negociación colectiva non só se fala de salarios, tamén hai propostas de melloras sociais do mundo laboral. [...] Non podemos ter unha economía anémica por falta de consumo", manifestou.


Así mesmo, o recentemente escollido presidente da patronal galega criticou a reforma laboral levada a cabo tras a chegada de Mariano Rajoy á presidencia do Goberno. "É un modelo fracasado, desde o meu punto de vista, porque temos unha precariedade elevadísima, non somos capaces de xerar emprego de calidade", censurou.


Nesta liña, Arias incidiu en que "o abaratamento do despedimento" non é, na súa opinión, unha "prioridade", polo que chamou a reunir os interlocutores sociais e "non poñer límites" á negociación colectiva.


SITUACIÓN INTERNA DA CEG


En canto á situación interna da patronal galega, Arias, que se estreou no cargo o pasado venres --foi a única candidatura presentada-- realizou un chamamento á "unidade" dentro da organización dos empresarios galegos para salvar a entidade. "Se non nos podemos poñer en serio con esta tarefa, isto ten moi mal futuro", apostilou.


E é que Arias cre que a CEG estaba fronte á "última oportunidade" para a súa supervivencia e que, de non aproveitarse, a entidade podería desaparecer "por inviabilidade económica" ou "por saturación dos propios membros" da patronal "despois dun período moi longo".


En relación a iso, para Arias, a situación económica da CEG pode "salvarse en pouco tempo" grazas ao "plan estratéxico e á firma dunha hipoteca sobre a sede social da entidade".


Así as cousas, chamou a "deixar atrás pelexas internas" e negou que a súa candidatura traizoase un pacto entre as organizacións provinciais para a procura dun candidato de consenso, para logo desmentir que sexa o "home de palla" do expresidente a CEG, Antonio Fontenla. "Nunca notei que tivese unha intención de utilizarme para fins que lle puidesen interesar a el", puntualizou.

relacionada Antón Arias, elixido novo presidente da patronal galega
relacionada Antón Arias, único candidato por "sorpresa" a presidir a CEG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE