Santos, satisfeita cos "equilibrios" da nova Executiva de Podemos
Para Santos, unha das cuestións principais para Podemos Galicia pasa por "fortalecer" a unidade "para os procesos electorais".
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, mostrou a súa satisfacción con "como se deron os equilibrios" no novo Consello Cidadán Estatal da formación morada, que celebra este sábado a súa primeira reunión tras as eleccións a este órgano que tiveron lugar o pasado fin de semana na asemblea nacional Vistalegre II.
En declaracións aos medios nun receso do encontro, Santos trasladou que na primeira reunión do órgano máximo de dirección entre asembleas de Podemos está a producirse "un debate rico e fraterno que mostra a situación de saúde, unidade e fortaleza" da formación morada nesta "nova etapa" aberta tras as súas eleccións internas.
Así, apuntou que na reunión do Consello Cidadán Estatal están a abordarse os "temas" das organizacións territoriais de Podemos a través de "todos os secretarios xerais", "tamén o tema de Galicia".
Para Santos, unha das cuestións principais para Podemos Galicia pasa por "fortalecer os vínculos de unidade para os procesos electorais que veñen por diante" coa vista posta nas eleccións municipais de 2019.
"O noso horizonte é a transformación da sociedade, o cambio neste país para a xente. Imos deixarnos a pel neste obxectivo e cantos máis aliados teñamos e máis xente sigamos nesta liña de humildade, unidade e lealdade, conseguiremos de maneira colectiva cambiar este país", incidiu.
Escribe o teu comentario