En Marea propón recargas no IBI aos pisos baleiros
A lei permite xa aos concellos este tipo de 'multas', pero non se aplican porque falta definir que se considera vivenda baleira.
En Marea quere que o Goberno modifique a Lei de Facendas Locais para permitir aos concellos aplicar recargas de entre o 50% e o 75% do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) aos pisos que estean baleiros de forma continuada.
Nunha proposición non de lei rexistrada no Congreso, e que recolle Europa Press, a formación galega critica que o "drama social dos desafiuzamentos" se siga mantendo en España a pesar de que o 13,7% das vivendas do país están baleiras, segundo o censo de 2011, sumando un total de 3,4 millóns de pisos.
E iso a pesar de que a Lei das Facendas Locais prevé que os inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente poden ser obxecto dunha recarga no IBI. Unha medida que non se aplica, segundo En Marea, porque ningún goberno desenvolveu o necesario regulamento que defina que se considera unha vivenda baleira.
OS CONCELLOS ACTUARON POLA SÚA CONTA
Isto levou a algúns municipios a aprobar ordenanzas onde inclúen esta previsión, aínda que con gran inseguridade xurídica ao non contar cun marco legal xeral. Por iso, a confluencia galega quere que se modifique a normativa para permitir aos concellos impoñer recargas de entre o 50% e o 75% da cota líquida do IBI ás vivendas de uso residencial desocupadas.
Neste sentido, precisa que se entenderá que un piso está baleiro cando, tendo condicións para ser utilizado, se mantén desocupado durante un período superior a un ano ou a 22 meses, alternos ou continuos, ao longo de dous anos. A excepción a esta regra xeral darase cando o propietario poida alegar razóns laborais, de conciliación familiar, de saúde, de dependencia ou de emerxencia social.
A recarga poderá ser fixa para todos os casos ou variable en función do número de anos de desocupación, do valor catastral da vivenda ou de cantos pisos baleiros teña o mesmo contribuínte. Ademais, o concello terá que achegar indicios de que o piso está desocupado tales como os datos do Padrón ou os consumos de auga, luz ou gas, entre outros.
BONIFICAR AS FAMILIAS VULNERABLES
A outra cara da moeda constitúena as familias vulnerables que nos últimos anos viron como se incrementaba a factura por IBI á que teñen que facer fronte, a resultas da "alza insustentable" que sufriu este imposto por decisión do Executivo central para "paliar en parte a forte caída de ingresos" dos municipios.
Neste sentido, e aproveitando que as entidades locais tamén teñen recoñecido o dereito para establecer bonificacións fiscais ao IBI mediante as súas ordenanzas, En Marea propón permitirlles regular unha bonificación de ata o 90% da cota íntegra cando acrediten unha situación económica desfavorable, de insuficiencia nas rendas familiares, quedando á vontade municipal a determinación dos criterios e contía concreta nos diferentes casos.
Escribe o teu comentario