Friol e Guitiriz seguen en loita contra o Bispado: "Sen Don Ramón non queremos comuñón"

Máis de 500 veciños concentráronse por segunda vez nas rúas do centro de Lugo clamando contra o traslado do cura. 


|


Friolguitirizcura 1

Varios centos de veciños de Friol e Guitiriz, máis de 500 segundo os organizadores, volvéronse a manifestar polas rúas do centro de Lugo, ata confluír na Praza de Santa María, sede do Bispado, clamando contra o traslado do cura que levaba doce parroquias de Friol e dúas de Guitiriz.


No traslado de José Ramón Pérez a Ribas de Sil e Quiroga está o foco da polémica, con esta segunda manifestación que se convoca ás portas do Bispado de Lugo, e con pequenas concentracións nas parroquias onde oficiaba, como a prevista para esta tarde en Seixón (Friol).


Con distintas pancartas e consignas, os manifestantes airearon as súas protestas, que viran en torno ao que chaman cariñosamente 'Don Ramón'. "Sen Don Ramón non queremos comuñón" ou "Bispo escoita o pobo está en loita", corearon.


Tamén fixo acto de presenza o humor, con cancións propias dos oficios relixiosos pero neste caso lamentando a actitude do Bispo, Alfonso Carrasco Rouco, e tamén cun pai noso non exento de retranca que se coreou fronte ao Bispado.


"Ramón noso que fas boas obras, non como outros que cobran por horas, enterros, bautizos boas enchedolas. Por culpa do Bispo fuche para Quiroga. Estaremos contigo ata que volvas. Volta a dicir misa nas nosas parroquias. Amén", recitaron.


Entre os manifestantes atopábase o alcalde de Friol, José Ángel Santos, que celebrou o "éxito" da marcha. "Os veciños queren reivindicar a súa postura e á vista está aquí. O bispo ten que saír ao exterior e ver isto, ver aos veciños que se debe a eles e aos seus fregueses e ten que recuar", subliñou.


Uno dos portavoces veciñais, Marcos Laxe, lembrou que é a "sétima manifestación", contando as que veñen celebrando todos os domingos en cada unha das parroquias afectadas.


"Queremos que o bispo escoite ao pobo, porque recibir recibiunos pero non escoitou para nada todo o que lle pedimos. Tentamos dialogar pero parece que o diálogo non é unha palabra que estea no seu vocabulario, polo que imos seguir", advertiu.


Un total de seis autocares saíron de Friol e Guitiriz para trasladar a veciños ata o centro da cidade de Lugo, onde foron escoltados por dúas patrullas da policía local ata a praza de Santa María.

relacionada As protestas polo traslado do cura de Friol chegan á Santa Sé
relacionada Friol e Guitiriz concéntranse ante o Bispado de Lugo contra o traslado do seu párroco
relacionada Guitiriz únese á "revolución social" contra o traslado "forzoso" do seu párroco

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE