"Cando alguén non ten nada que facer, ou dicir, mata moscas co rabo", di un refrán popular. Iso é o que lle está ocorrendo a Pablo Iglesias, o bolivariano, coa súa "brillante" idea do TramaBUS que puxo en marcha a circular polo territorio, de momento madrileño, co fin de denunciar a corrupción. É coma se tras a pelotera do autobús de Hazte Oír, a inspiración lle viñese de golpe ao líder. Xerar polémica é unha estratexia que lle veu funcionando ben aos populistas. O espectáculo diario forma parte da ideoloxía da parella podemita que forman Pablo e Irene.
No saco da corrupción mete a Felipe González, xunto a Bárcenas, os Pujols e cia. As mesturas, sen coñecemento dos produtos, poden ser mortais para quen as realiza. "Os capitalistas especulan e rouban coma nós", foi unha das maduradas máis lembradas do presidente de Venezuela, país que está a sufrir as consecuencias, moi duras, dos ditadores Chávez primeiro e Maduro agora. Corrupción, represión, cárcere e fame son as políticas aplicadas por este goberno "democrático" e defensor dos dereitos humanos. Todo un exemplo de democracia, tolerancia e bo goberno. Ante esta situación, os dirixentes de Podemos, con Pablo á cabeza, non denunciaron a situación de Venezuela, coidáronse moito de facelo, máis ben o contrario. Será porque algúns deles foron "asesores" ben pagados dos ditadores bolivarianos.
Iglesias, que odia os socialistas, hai constancia diso, non tivo o menor escrúpulo de mesturar uns con outros, porque eles queren cargarse o socialismo español, para iso viñeron. É o seu obxectivo, non o PP, que é a escusa.
Se o bolivariano que predica o contrario do que fai se dedicase a arranxar os problemas, que son moitos, do seu partido, non estarían os territorios levantándose ante a imposición do "líder" de persoas e políticas non consensuadas. Iso si, revestidas de democracia participativa. Os dirixentes de Podemos teñen graves problemas coa militancia, dirixentes territoriais e os votantes. O centralismo e a dedocracia que vén practicando Iglesias, están empezando a pasarlle factura. Quizais, por iso, necesita montar numeros coma o do autobús para dar a sensación do moito que traballan, do auténticos que son e que son os mellores da política nacional. Pero a xente está a darse conta de que tras a política televisiva, só hai demagoxia, populismo, pouco traballo e moito márketing.
Escribe o teu comentario