Capturan na Coruña unha especie de esturión que se cría extinguida desde os 60
O exemplar foi criado nun instituto francés e liberado hai sete anos. Científicos do Aquarium e da USC están a estudalo.
Científicos do Aquarium Finisterrae e da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con' da USC están a estudar un exemplar de esturion europeo (Acipenser Sturio) capturado na costa da Coruña, unha especie que se consideraba extinguida en Galicia desde hai máis de medio século.
Segundo informaron os investigadores que o están analizando, o exemplar foi capturado a unha milla da costa da Coruña polo pesqueiro 'O Ariño', con base no Grove, cuxo patrón informou ao acuario coruñés do achado.
O esturión europeo, antes abundante no río Miño e que desapareceu de augas galegas nos anos 60, "é unha das especies de peixes migradores máis ameazada de Europa", indican os expertos da USC.
A análise do espécime capturado permitiu constatar que se trata dun individuo criado nas dependencias do Irstea (Institut national de recherche en sciences et technologies pour l'environnement et l'agriculture) de Bordeus (Francia), co que a Estación de Hidrobioloxía mantén unha estreita relación.
"Os datos obtidos son dunha enorme importancia para o programa de recuperación da especie, pois achegan información sobre a vida do animal no medio mariño desde que fose liberado en augas da Gironda no ano 2010, cun ano de idade", apuntaron.
Persoal do centro dependente da Universidade de Santiago desprazarase en próximas datas a Francia para continuar coa análise das mostras.
Escribe o teu comentario