Pontevedra adiántase á Coruña no fin do conflito do metal

A patronal firma con CC.OO. e UXT o convenio provincial que garante "estabilidade" por tres anos.


|

Metalsoldador


Responsables da patronal do sector do metal da provincia de Pontevedra e os representantes dos sindicatos CC.OO. e UXT celebraron este mércores o acto formal de firma do novo convenio colectivo, que terá unha vixencia de tres anos e que afecta a case 30.000 traballadores.


Tras máis dunha ducia de reunións, a negociación entre as partes (que se iniciou en febreiro pasado) concluíu a pasada semana cun preacordo subscrito por estes dous sindicatos. Pola súa banda, a CIG desmarcouse do pacto, ao considerar que se "precarizan" as condicións dos traballadores.


Ademais da vixencia de tres anos, o acordo contempla incrementos salariais do dous por cento para 2017, do 1,25 por cento para 2018 e do 1,25 por cento para 2019. Tamén se inclúe a cláusula de revisión salarial, "ligada ao IPC real de cada ano", ademais doutras melloras como a voluntariedade nos desprazamentos para colectivos determinados, mantense a indemnización por fin de contrato eventual, e obrígase ás compañías multiservicio a "aplicar o convenio do Metal cando operan en empresas dese ámbito".


O portavoz da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), Enrique Mallón, celebrou o acordo porque "garante a estabilidade" para as empresas no próximos tres anos e permítelles "facer as súas previsións con máis tranquilidade". "É un convenio garantista cos dereitos dos traballadores", incidiu, e recoñeceu que os empresarios cederon en cuestións que inicialmente non querían aceptar, como a cláusula de revisión salarial ou a regulación das empresas multiservicio.


Así mesmo, Mallón expresou a súa confianza en que este convenio poida "provocar unha maior motivación noutras negociacións, e que se poidan chegar a acordos proximamente", en alusión ao "clima sociolaboral un pouco revolto que hai en Galicia".


SINDICATOS


Pola súa banda, a representante de UXT, Ana Belén Valiño, valorou que o convenio pactado inclúe dúas demandas que o sindicato considera "fundamentais": a cláusula de revisión salarial, que "garante o mantemento do poder adquisitivo", e a regulación das empresas multiservicio, que "fan moito dano e fomentan a competencia desleal entre empresas e traballadores".


Valiño tamén subliñou a importancia de que se alcanzase un acordo antes de entrar de cheo en período de vacacións estivais, o que permitirá que os traballadores se beneficien da retroactividade nos incrementos salariais e outras medidas de carácter social.


Por último, Celso Carneiro, de CC.OO., lamentou a ausencia da CIG no acordo, e lembrou que o sector Metal da provincia de Pontevedra leva "cinco convenios e 11 anos" sen a presenza do sindicato nacionalista neses acordos.


Ao seu xuízo, esta "estratexia política-sindical" é un hándicap para os representantes dos traballadores, que sentan á mesa de negociación nunha posición de maior "debilidade".

relacionada Os sindicatos do metal da Coruña unifican as súas esixencias para o convenio
relacionada As protestas do metal esténdense á provincia de Pontevedra

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE