A familia Franco quere conseguir diñeiro a cambio de Meirás

Feijóo pide que doen o pazo ao patrimonio público e o BNG esixe a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria "espoliadas".


|

MeirasairebngMeirás, 'ocupado' a semana pasada polo BNG.

Feijóo suxeriu este xoves que "determinados comportamentos ou provocacións" de persoas da Fundación Francisco Franco son "impropias" dunha democracia e suxerido que detrás pode haber "algún interese".


"Pero non van conseguir en ningún caso conseguir diñeiro por iso nin que se incumpran as leis da comunidade", advertiu, a continuación.


"Esa familia vai cumprir a lei. Imos seguir polo noso camiño sen entrar en consideracións que, se cadra, á Fundación e a algún partido lles interesan. A nós interésanos menos ruído e máis cumprimento da lei. E se alguén quere utilizar un conflito para conseguir diñeiro, que non conte co Goberno", resolveu.


Ademais, o presidente da Xunta lembrou que o Pazo de Meirás é un Ben de Interese Cultural (BIC) de titularidade privada, o que leva "unha serie de obrigacións" que "se van cumprir".


"E se non se cumpren ábrese un expediente sancionador coma o que temos aberto. Por suposto, teñen que abrir ese pazo catro días ao mes e xestionar o seu mantemento", sinalou, antes de advertir que, "se non están dispostos a cumprir" esa normativa, "téñeno ben fácil: doar ese inmoble" ao patrimonio galego.


Bngmestremateoesculturas

ESTATUAS DO PÓRTICO DA GLORIA


Preto de medio cento de integrantes do BNG liderados pola portavoz nacional, Ana Pontón, reclamaron este xoves ante a Catedral de Santiago a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria "espoliadas" pola familia Franco.


Ataviados con pancartas para pedir aos herdeiros do ditador 'Que devolvan o roubado', denunciaron que dúas tallas realizadas no século XII polo Mestre Mateo seguen formando parte da súa colección privada.


Coincidindo coa súa cesión temporal para unha exposición sobre o Mestre Mateo, o Bloque decidiu activarse para impedir que este patrimonio volva a mans da familia Franco.


Así é que os nacionalistas presentarán iniciativas tanto no Concello de Santiago como no Parlamento de Galicia para esixir que as estatuas de Abraham e Isaac se recuperen para o público.


ORIXE DA CESIÓN


Respecto diso, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, detallou que existe documentación que proba que ambas as figuras foron compradas en 1948 polo Concello de Santiago ao conde de Gimonde por 60.000 pesetas. E que unha das condicións de venda era que sempre terían que estar en Compostela.


O seguinte que se sabe, segundo a tamén concelleira en Santiago, é que en 1961 estaban en mans do ditador e que actualmente se achan na Casa Cornide, na Coruña, outra propiedade "roubada" por Franco.


"É inaudito, escandaloso", concluíu a nacionalista, para quen ambas as estatuas deben ser declaradas ben de interese cultural e volver ao dominio público. Ademais, pediu que se investigue nos arquivos municipais "que ocorreu" para que cambiasen de mans e apelou ao "traballo conxunto" de todos os grupos nesta liña.


E, tras criticar a "indiferenza e pasividade" mostrada polo goberno local ata agora, celebrou que agora comece a dar pasos neste sentido, así como para retirar simboloxía franquista.


COMPOSTELA ABERTA ESTUDA O CASO


O grupo de goberno de Santiago, Compostela Aberta, levará ao próximo pleno municipal unha moción para reclamar a recuperación de dúas estatuas e tamén estuda as vías xurídicas adecuadas para lograr que as dúas esculturas "volvan formar parte do patrimonio público de todos os composteláns".


Compostela Aberta defende que as dúas esculturas non poden volver á Casa Cornide, onde a familia Franco as situou despois de que pasasen un tempo no Pazo de Meirás.


AGUSTÍN HERNÁNDEZ PIDE "HUMILDADE"


O portavoz do PP no Concello de Santiago, Agustín Hernández, aconsellou á familia do ditador Francisco Franco mostrar "algo de humildade" para, desta forma, poder "reconciliarse co pobo español".


Preguntado acerca das iniciativas presentadas por outras forzas políticas sobre o futuro do patrimonio en mans dos Franco, Hernández expuxo a súa "reflexión" e matizou que a fai "desde o profundo respecto a todas as persoas".


Ademais, defendeu a postura do seu partido ao redor deste tema porque cre que "non sería razoable", no caso do Pazo de Meirás, "pagar dúas veces por unha propiedade". Por conseguinte, apostou por "utilizar todas as ferramentas legais para que un patrimonio que é de Galicia poida ser gozado sen condicións polos galegos".


relacionada O PP descarta apoiar a expropiación de Meirás á familia Franco
relacionada O BNG coloca sobre o PP a presión para reverter "a apropiación de Meirás"
relacionada Membros do BNG 'conquistan' Meirás para reclamar "a súa devolución ao pobo"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE