A violencia machista, "máis presente" e "menos denunciada" no rural

Unha enquisa revela que as campañas institucionais contra a violencia de xénero non chegan a seis de cada dez mulleres.


|

Violenciamachistagenero


Unha enquisa realizada a máis de 1.900 galegos revela que a pesar de que as situacións de violencia de xénero "se producen en toda a poboación, independentemente do lugar de residencia", estas percíbense como "máis frecuentes" e son "menos atendidas, visibilizadas e denunciadas" no ámbito rural, onde "a información facilitada é insuficiente" e "non se coñecen as campañas emprendidas", tal e como sinalou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos Caamaño.


Na presentación de resultados nunha rolda de prensa, Arcos Caamaño revelou datos como que "o 90% dos enquisados consideran a violación como un acto de violencia" e que "6 de cada 100 mulleres xustificarían un golpe illado no ámbito da parella".


Neste sentido, a presidenta de Fademur resaltou que "o 62% das mulleres rurais asegura non coñecer ningunha campaña contra a violencia de xénero" e que "o 41% non incorpora o tema nas súas charlas con amizades".


Especial preocupación manifestou polo feito de que "a pesar de que un amplo 90% non xustifica a violencia por ningún motivo", nunha segunda reflexión "si achegan causas como a falta de educación ou problemas psicolóxicos do agresor".


Así mesmo, Arcos Caamaño incidiu na "necesidade de achegar solucións" e aspirar a "modificar a situación actual das mulleres no rural", sen esquecer que "o 83% do territorio de Galicia é rural".


TEMOR A DENUNCIAR


O 61% dos enquisados declara abertamente "coñecer a algunha persoa na súa contorna" que se atopa en situación de violencia. Esta porcentaxe é máis baixa no rural, xa que segundo Arcos Caamaño "tende a ocultarse". Desas persoas que coñece algún caso, só o 21% ten constancia de que estas situacións fosen denunciadas.


Neste sentido, asegurou que "as estatísticas demostran que 7 de cada 10 casos son actos que non rematan en denuncias". Entre os motivos dese "medo a denunciar", as mulleres rurais manifestan "maior medo á denuncia" por temor a perder os seus fillos (81%), vergoña (76%), medo a que se repitan as agresións (75%) ou por dependencia económica da parella (73%).


Arcos Caamaño incidiu así en que "para as mulleres rurais ten gran peso a contorna social", que consideran "pechada e atafegante", sumado a "a falta de recursos e información".


TAMAÑO MOSTRAL E PERFIL


A enquisa, realizada pola asociación Agra, en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), parte de 1.921 entrevistas realizadas a 1.715 mulleres e 206 homes.


O perfil maioritario de enquisados corresponde nun 33% a "xente de aldea" e da provincia da Coruña, que como apunta Rosa Caamaño é "a que maior peso ten no ámbito rural". A maior parte de enquisados atópase entre os 25 e 45 anos de idade.


PROBLEMA DE CONCEPTO


Os resultados arroxan "cifras moi significativas", en opinión da presidenta de Fademur, Rosa Arcos Caamaño. Un 45% dos enquisados responden erroneamente cando se lles pregunta que é a violencia de xénero. Arcos Caamaño incidiu en que "só o 55% ten claro o concepto de violencia de xénero", considerándoa como "aquela violenica física, sexual ou psicolóxica cara homes e mulleres exercida polas súas parellas ou ex parellas".


Para a presidenta de Fademur, isto "denota que existe un problema importante no concepto", que debe ser "atallado con urxencia", xa que de aí "parte a base para a posta en marcha de medidas".


relacionada ​A loita contra a violencia machista consegue puntos de acordo no Parlamento galego
relacionada Máis de 3.100 mulleres necesitan protección en Galicia contra a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE