Constituído o grupo de traballo que analizará as vías para recuperar o Pazo de Meirás
Está formado por 11 expertos e presidido por Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC.
A comisión que analizará as posibilidades de incorporación ao patrimonio público do Pazo de Meirás, actualmente en mans da familia Franco, quedou constituída este mesmo mércores.
Este grupo de traballo estará presidido por Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC e contará con representantes de Facenda, Asesoría Xurídica, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, as tres universidades, os colexios de notarios e rexistradores e do concello de Sada.
En total, serán 11 expertos representativos do mundo académico, xurídico e patrimonial os que analizarán as posibilidades e vías para lograr a titularidade pública das Torres de Meirás, dando cumprimento a un acordo parlamentario do pasado 27 de setembro.
O obxectivo será a realización dun estudo xurídico no que se analizarán vías e mecanismos que permitan a súa integración no patrimonio público "respectando a legalidade vixente" e sen que implique "un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938".
DECLARADO BIC EN 2011
O inmoble foi declarado en 2011 como Ben de Interese Cultural (BIC), denominación que obriga a abrir ao público o complexo polo menos catro veces por mes. Esta cuestión xerou polémica polos incumprimentos reiterados por parte dos propietarios.
Diferentes partidos políticos e organizacións sociais reclamaron á familia Franco a devolución do pazo para titularidade pública, así como a ilegalización da fundación que leva o nome do caudillo, tras unhas declaracións desta entidade nas que afirmaba que empregaría as visitas a Meirás para enxalzar a figura do ditador.
Escribe o teu comentario