O informe da autopsia de Diana Quer atrásase
Co estudo pendiende de finalizar, a primeira valoración apunta a desmentir a versión do atropelo.
O informe estará "esta semana".
Os resultados da autopsia practicada ao corpo de Diana Quer, que se esperaban coñecer este luns, aínda están por pechar. Tal e como apuntan varios medios, falta que os expertos do Imelga analicen os resultados xunto con Fernando Serrulla, o especialista da Unidade de Antropoloxía Forense do Hospital de Verín que leva a autopsia.
A primeira valoración, con todo, parece descartar a versión do accidente como causa da morte da moza, tal e como sostén o autor confeso, José Enrique Abuín Gey.
'O Chicle' reiterou este luns ante a súa defensa a súa versión do atropelo fortuíto e que non houbo agresión sexual.
Así o dixo o seu avogado, Ramón Sierra, á saída do cárcere de Teixeiro, onde Abuín Gey se atopa en prisión provisional. "Iso a nós mantennos na liña de estar á espera do informe preliminar da autopsia", dixo Sierra, en referencia á posibilidade de deixar o exercicio da defensa no caso de que se confirme que houbo unha agresión sexual.
En todo caso, negou que recoñecese en ningún momento que a estrangulara, algo que o propio letrado, que o acompañou a noite do rexistro na nave industrial de Asados, tampouco escoitou.
O avogado, que confía en que o informe da autopsia estea "esta semana", confirmou que xa pediu unha pericial psiquiátrica que determine a imputabilidade do detido.
Escribe o teu comentario