Cinco horas nun corredor cun cólico intestinal sen recibir atención nin calmantes
A Plataforma na defensa da Sanidade da Mariña sinala que o persoal do Hospital da Costa estaba "desbordado".
A Plataforma na defensa da Sanidade da Mariña denunciou que unha octoxenaria cun cólico intestinal permaneceu cinco horas nun corredor do Hospital da Costa "sen atención médica e sen analxesia" a pesar de ter unha dor "insoportable".
Nun comunicado remitido aos medios, a asociación explicou que a familia da paciente se puxo en contacto coa plataforma para informar destes feitos que ocorreron o pasado día 9, cando a muller acudiu ao PAC de Burela, onde se decidiu a súa derivación ao servizo de urxencias do hospital para o seu diagnóstico e tratamento.
"Desde que pasa a urxencias permanece nunha padiola dun corredor durante cinco horas sen atención médica e sen analxesia, cunha dor tan intensoa que berra", denunciou a asociación, que critica a "caótica situación" do servizo de urxencias.
A Plataforma na defensa da Sanidade da Mariña sinala que a familia lle asegurou que o persoal estaba "absolutamente desbordado" e que "fixo cando puido" pero que "non daban para máis". Por iso, censura que a xerencia executiva do hospital saíse na prensa días despois "declarando que a situación" do servizo era de "normalidade".
"Non podemos comprender como a xerencia executiva, que ata hai pouco tempo traballou neste servizo, mostra tan pouca sensibilidade e mesmo maquilla os datos desta forma", manifestou a asociación, que pide que a dirección se "preocupe" pola cobertura de profesionais e reforce o servizo cando hai picos de incidencia como o da gripe.
Escribe o teu comentario