Perigo de inundacións este Xoves Santo en Galicia polo paso da borrasca Nelson

As precipitacións marcarán os próximos días da Semana Santa na comunidade galega, que volve activar a alerta laranxa na costa e amarela en puntos do interior.


|

WMSServer (3)
WMSServer (3)

 

Basta con levantar a vista ao ceo e cerciorarnos de que a Semana Santa vai estar pasada por auga en Galicia . Os pasos na comunidade van ter que ir ben protexidos este Xoves Santo e algunhas procesións terán que suspender pola choiva e o vento que azoutará con forza nalgúns puntos, especialmente no litoral, onde a alerta laranxa leva activa desde o martes e non hai previsión de que descenda o nivel de risco nas próximas horas.

 

Así, na costa a alerta laranxa por ondas de até cinco metros e ventos de forza 8 esténdese tamén á Mariña lucense, que se suma á Coruña e Pontevedra neste nivel de perigo. Non amainará até ben entrado o venres, cando pase a estar en nivel amarelo. 

 

A borrasca Nelson, situada nas illas británicas, é a responsable desta inestabilidade que perdurará ao longo de toda a Semana Santa. As próximas horas son as máis complicadas e os servizos de meteorología como Meteogalicia ou a Aemet advirten que os refachos de vento poden roldar os 100 km/h nalgúns puntos e que hai risco de acumulación de choiva en puntos de Pontevedra e Ourense de até 40 litros por metro cadrado. Nestes lugares decretouse a alerta amarela polo risco de inundacións

 

 

A mellor noticia é para as estacións de esquí e aqueles que querían pasar unha Semana Santa dedicando o tempo libre aos deportes de inverno. A masa de aire frío deixará a cota de neve por baixo dos 800 metros esta madrugada, polo que as nevadas deixarán unha estampa invernal na cabeza de Manzaneda e outros lugares da alta montaña tanto ourensá como lucense. Iso si, como en días anteriores, os termómetros seguirán ofrecendo algarismos impropios desta época, sendo moito máis baixos do que corresponde e chegando a valores negativos. 

 

FIN DE SEMANA

Xa durante o Venres Santo a situación parece que comezará a mellorar paulatinamente, baixando o ritmo e a intensidade das precipitacións e cun lixeiro aumento das temperaturas. Para Sábado Santo a inestabilidade volverá facer acto de presenza e xa para Domingo de Resurrección os primeiros prognósticos apuntan a que será igual de desapracible que o resto da semana, con choivas en case todo o territorio e algunhas precipitacións mesmo en forma de saraiba ou neve. 

 

 

Por iso, e con vistas a que será unha data con moito tráfico por estrada en plena 'Operación Retorno' da DXT, é recomendable a aqueles que teñen que desprazar que sigan con atención as actualizacións meteorolóxicas e programar con previsión as viaxes para evitar imprevistos. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE