O móbil pode limitar cun contrato entre o neno e os pais, suxire un experto

Ramón Molina coordina o ciclo contra as adiccións ás pantallas que o Concello de Santiago está a organizar nos centros educativos. Nesta entrevista, aborda, entre outros temas, a idade recomendada para ter móvi  e que medidas prácticas concretas poden tomar as familias. Por exemplo, asinar -e supervisar o cumprimento- dun contrato que estipule cando se pode usar o teléfono.


|

Baixan revoltas as augas nos círculos de nais e pais ante os colexios. O cambio de percepción social sobre as pantallas e o bombardeo dos medios de comunicación que as relacionan con episodios de violencia, en particular coas violacións en grupo, suscita unha evidente preocupación. Moitos non entenden, por exemplo, por que Educación promove o libro dixital nas aulas e ao mesmo tempo prohíbe os móbiles nos centros. Que sentido ten advertir das consecuencias da sobreexposición ás pantallas na infancia e ao mesmo tempo substituír os libros por PCs nas clases?

 

A inquietude xeral que se percibe desde hai varios anos deveu este curso nas primeiras iniciativas concretas. Por exemplo, son varias as AMPAS que se situaron en contra do programa Edixgal de libro electrónico nas aulas da Xunta e numerosos os grupos de chat onde se debate con ardor sobre esta polémica. Ante o evidente aumento da desconfianza, a Xunta está a tentar acougar as augas. O goberno defende a súa aposta por Edixgal pero prometeu abordar algúns dos seus defectos, como a falta de contido de calidade que levan anos denunciando os profesores.


O desasosego dos pais tamén levou a algúns concellos a promover a formación dos proxenitores. Por exemplo, onte a coordinadora do equipo de prevención de Drogodependencias do Concello de Vigo Pilar Domínguez impartiu unha conferencia titulada “Adolescentes tecnoloxicamente sans” na ANPA do Colexio Labor de Vigo.

 

En Santiago foron máis aló e o Concello lanzou un programa de prevención da adicción ás pantallas en centros escolares. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais  María Roias sinala que hai “unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado". 

 

As razóns de tal inquietude é un dos temas que aborda nesta conversación Ramón Molina, educador social que dirixe o ciclo formativo, dirixido a alumnado de entre 10 e 12 anos, que cursa 5º e 6º de primaria ou 1º e 2º de ESO. 

Ramu00f3n Molina durante la presentaciu00f3n de los cursos en el Ayuntamiento de Santiago
Molina durante a presentación dos cursos no Concello de Santiago


Na presentación dos cursos, o Concello fixo referencia á introdución de “os primeiros criterios de autocontrol do uso dos dispositivos”. Que papel deben xogar os menores na avaliación do tempo que pasan diante das pantallas? Pódese descargar tal responsabilidade sobre eles?

 

Obviamente non se pode descargar en exclusiva esa responsabilidade  nos e  as menores, e por tanto son as familias as que deben paralelamente establecer estratexias de seguimento e acompañamento deste proceso de aproximación e uso saudable dos diferentes dispositivos. Pero é indubidable que as nenas e nenos deben de aprender e comprender as pautas para un uso responsable, que lles permitan ter unha relación equilibrada e saudable entre o tempo e a frecuencia que dedican ás pantallas e as outras esferas da súa vida.

 

A nivel social produciuse un cambio de percepción, ou polo menos está a se producir un debate que antes non se producía, sobre o uso das pantallas no ensino. Cal é o motivo deste cambio na opinión pública? 

 

Esta preocupación é lóxica despois duns tempos iniciais nos que abrazamos todos os beneficios e vantaxes que nos ofrecían as novas tecnoloxías, sen analizar os posibles riscos dun uso inadecuado. Pasado un tempo, a sociedade está a ver impactos non desexados , especialmente nos e nas menores,  con diferentes tecnoadicciones, e isto obviamente alerta e preocupa.

 

Por outra banda, que exista ese debate no modelo educativo dixital é san, e necesario, quizais sexa preciso repensar ou redimensionar algúns aspectos deste modelo.   Seguramente se precisen estudos que verifiquen os impactos que está a ter a tecnoloxía no modelo educativo, e deste xeito facer os cambios precisos.

 

 

Centrándonos na polémica ao redor de Edixgal, que sentido ten a administración, aducindo a opinión de expertos, advirta aos pais dos riscos do abuso das pantallas e ao mesmo tempo impulse programas educativos que se articulan precisamente ao redor das pantallas? É unha clara contradición, polo menos en aparencia...

 

Como xa dixemos antes, comeza a haber un debate social de llo modelo educativo dixital é o idóneo e quizais isto no futuro xera cambios no modelo,  pero a problemática  dos usos inapropiados dos e das menores fan das pantallas e os diferentes dispositivos traspasa con fartura a esfera pedagóxica e curricular, e fai referencia ao ámbito relacional e de lecer dos e das adolescentes a través das pantallas.

 

Falamos de variables que van máis aló do tempo que pasan diante da pantalla, xa que estamos tamén a pór a mirada na fecuencia de uso, falamos dos contidos  inapropiados aos que acceden, falamos das interferencias en aspectos básicos da súa vida como o rendemento académico, as actividades deportivas, etc...e que en definitiva, impactan no campo social, emocional e na saúde física dos nenos e nenas.

 

Un dos obxectivos dos cursos é establecer pautas preventivas e liñas de actuación que promovan un uso seguro, responsable e saudable dos dispositivos dixitais. Como podemos as nais e pais comezar a aplicalas nas nosas casas?

 

En primeiro lugar, cada familia debe facer unha reflexión sobre como imos xestionar o uso dos diferentes dispositivos e establecer criterios comúns sobre como vai ser a aproximación gradual que os nosos fillos e fillas van realizar ás pantallas, en función da súa idade.

 

En segundo lugar, as familias deben de ter claro que é moi importante dedicar  un tempo establecer unha serie de normas claras e dialogadas sobre o tempo e frecuencia de uso, os espazos onde se empregan os dispositivos, os contidos aos que acceder adaptados ás idades, os tempos de desconexión das pantallas, cando acceder ao móbil, analizar a posibilidade de empregar ferramentas de control parental, etc... Este proceso debe de ir acompañado dunha observación de como interactúan os nosos fillos e fillas cos diferentes dispositivos, facer un seguimento das diferentes normas, adaptación das mesmas, e un acompañamento que facilite o uso saudable e responsable.

 

Pero ademais, considero necesario incidir nos factores de protección. Desde as familias deben de saber que ter unha comunicación familiar fluída e positiva, realizar actividade de lecer en familia, ou promover nolos nosos fillos e fillas as actividades deportivas ou culturais, ou dialogar sobre os impactos dos usos inapropiados das pantallas son factores de protección diminúen ostensiblemente as probabilidades de aparecer situacións problemáticas relacionadas co uso das pantallas e o acceso a internet.

 

 Se os pais e as nais somos os primeiros que comemos co móbil na mesa é imposible que construamos un espazo de comunicación e libre de pantallas á hora para comer

 

É dicir, esa reflexión non é necesaria só no caso dos menores. Loxicamente, se o pai ou a nai pasan o día pegados ao teléfono, hai máis posibilidades de que os seus fillos acaben co mesmo comportamento …

 

Unha das primeiras pautas é practicar co exemplo. Se os pais e as nais somos os primeiros que comemos co móbil na mesa é imposible que construamos un espazo de comunicación e libre de pantallas á hora para comer. Temos que ter presente que este tipo de contradicións son fatais nos procesos educativos.

 

Que sinais de advertencia deben ter en conta os pais á hora de valorar estar producindo un uso excesivo de pantallas?

 

Son varias, por exemplo a interferencia do descanso, por iso é tan importante liberar o tempo antes de ir a cama de calquera dispositivo. Tamén, ell illamento propiciado polo uso abusivo das pantallas, e que desconecta aos mozos e mozos doutro tipo de relacións e interaccións, deixando o tempo de lecer conectado en gran parte ás pantallas. Outro sinal sería cando o espazo relacional presencial cos seus amigos e amigas é cada vez menor e queda só vinculado ao instituto. A perda de interese por actividades que antes eran do seu interese e que agora renuncia por estar conectado aos diferentes dispositivos é outro síntoma. A aparición de irritabilidad ou agresividade cando é suprimida unha pantalla é outro dos síntomas preocupantes. Por último, examinar si o uso excesivo das pantallas está a interferir de maneira importante nos seus deberes e responsabilidades (académicas ou no fogar).

 

Se as familias perciben algúns destes síntomas dos seus fillos e fillas, debe de intervir para modificar estes comportamentos que están a ser prexudiciais para o seu desenvolvemento.

 

 

A pregunta do millón, que quizais lle fixeron moitas veces, a que idade poden os menores ter o seu propio dispositivo móbil? Depende da madurez de cada individuo?

 

Entregar un móbil en educación Primaria non ten ningún sentido. Algúns expertos sitúan entre os 14 e os 16 anos a idade apropiada. Pero de todos os xeitos, tan importante como a idade de inicio dentro desta etapa educativa, é como se introduce o móbil progresivamente na vida das nosas fillas e fillos. Unha das primeiras medidas de utilidade podería ser un contrato que determine tempos e espazos de uso, aplicacións que se poden incorporar, controis parentales, etc... Pero debemos ser conscientes de que ese contrato é unha ferramenta que require seguimento, control e acompañamento, senón non servirá de nada. A partir de aquí o seguimento que se faga deste proceso, a interiorización de criterios efectivos de autocontrol por parte  dos nosos fillos e fillas, etc... permitiran ir establecendo os novos pasos no uso do móbil.

 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE