Envían a prisión ao home detido por incendiar varios coches nunha empresa de aluguer en Santiago
O suceso ocorreu na tarde do xoves, despois das 20.00 horas, cando un particular chamou ao 112 para alertar de que ardían varios coches nunha empresa de aluguer situada en Sabugueira, no lugar de Ou Noval
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home detido por incendiar varios coches nunha empresa de aluguer de vehículos de Santiago. Investígaselle por delitos de incendio, lesións e furto.
O suceso ocorreu na tarde do xoves, despois das 20.00 horas, cando un particular chamou ao 112 para alertar de que ardían varios coches nunha empresa de aluguer situada en Sabugueira, no lugar de Ou Noval.
Segundo a versión do alertador, tratouse dunha acción intencionada por parte dunha persoa que entrou no establecemento e mantivo unha discusión co propietario.
O lume, que comezou nun dos vehículos, propagouse rapidamente a outros dous estacionados nas proximidades. Á súa chegada, os bombeiros procederon a extinguir o incendio e a refrigerar a zona.
Fontes policiais confirmaron que se produciu un altercado entre varias persoas previa ao incendio. Cando os axentes se desprazaron á zona atopáronse co lume, que afectaba tamén a unha vivenda próxima. As persoas que se atopaban no interior da casa tiveron que ser desaloxadas.
Escribe o teu comentario