​Carmela Silva: “Ser feminista levoume a ser socialista”


A voz de Carmela Silva é unha das que soa con máis forza no feminismo galego, o que lle ten valido duros insultos dos seus rivais políticos. Nesta entrevista con Galiciapress, a presidenta da Deputación de Pontevedra acusa ao PP de protexer a un dos que a insultou por medo a que tire da manta. A transferencia da AP9, ENCE, a súa eventual candidatura a repetir no cargo e as enquisas internas dos partidos son outros dos temas desta conversa.


|

“O PP ten medo ao alcalde de Vilanova, porque sabe todo sobre a historia do PP no Salnés e en Galicia”


“A xente sabe que na Deputación de Pontevedra o diñeiro público empregábase moitas veces para o negocio propio”


A voz de Carmela Silva é unha das que soa con máis forza no feminismo galego, o que lle ten valido duros insultos dos seus rivais políticos. Nesta entrevista con Galiciapress, a presidenta da Deputación de Pontevedra acusa ao PP de protexer a un dos que a insultou por medo a que tire da manta. A transferencia da AP9, ENCE, a súa eventual candidatura a repetir no cargo e as enquisas internas dos partidos son outros dos temas desta conversa.



Entrevista carmela silva

Un instante de la conversación en el Pazo Provincial


Vexo que Deputación de Pontevedra lanza de novo unha camapaña específica polo 25 N Día pola Eliminación da Violencia de Xénero …

Eu son unha muller feminista que cree profundamente na igualdade.


Si, é curioso, na súa entrada da Wikipedia defínena antes como feminista que como socialista …

Eu son socialista porque son feminista e tamén como son feminista iso levoume a ser socialista. Cando tomamos posesión, comprometín que comigo chegaran todas as mulleres. Moitas mulleres cren que o empoderamento é chegar aos lugares de decisión, pero non é así, o empoderamento é que as mulleres rachemos co sistema patriarcal e que polo tanto a igualdade e a paridade sexan claves na sociedade. O compromiso pola igualdade é o compromiso máis potente na humanidade, estamos a falar do 52% da poboación do mundo. Por iso puxemos en marcha moitas accións contra a violencia machista e pola igualdade.


Que novidades ten a edición deste ano?

O primeiro ano xa puxemos en marcha o proxecto Mulleres en Acción para chegar aos 61 concellos da provincia, tanto á poboación en xeral como moi en particular ás nenas e nenos; por iso as accións sempre son en espazos públicos e sempre se invita aos centros educativos. Vinte e cinco mulleres da cultura galega, empoderadas e feministas, realizan accións como performance, música, poesía, teatro, etc. que intentan facer visible as terribles violencias machistas, non só os asasinatos senón todos os machismos que padecemos cada día dende que nos levantamos na nosa casa até que nos deitamos.


Vostede mesma sufriu hai non tanto un ataque machista por parte dun rival político. O alcalde de Vilanova chamoulle “chacha para todo de Abel Caballero” e o PPdeG aínda hoxe non fixo unha condena pública desas palabras …

Iso amosa que o PP non ten compromiso real coa igualdade. Un partido que gobernou no Estado, que goberna en Galicia, que goberna tantas alcaldías ten que ter por obxectivo prioritario representar a ese 52% da poboación. Cando cala, cando non denuncian abertamente, cando non toman decisións sobre homes do seu partido con poder institucional para que sigan nas administracións están amosando outras cousas.


Como cales?

Eu teño moi claro porque ao alcalde de Vilanova o PP non lle pediu a súa dimisión, como si lla pediu ao concelleiro de Moaña, que tamén me insultou con cualificativos terribles de xénero; porque lle teñen medo ao alcalde de Vilanova, o alcalde de Vilanova sabe todo sobre a historia do PP no Salnés e en Galicia.


Cre que lle teñen medo logo a que saiba algo da época de Rafael Louzán ou da época na que os contrabandistas financiaban as campañas do PP galego?

Sabe todo, eu non quero afirmar que o que sabe. Sei que sabe todo é que lle teñen medo. A proba máis evidente é que saíron dicindo simplemente que eran palabras desafortunadas, sen máis foron moitos máis duros co concelleiro de Moraña. [Ese edil, Jorge Campos, dimitiu tras pedir perdón por chamarlle “mala zorra” a Dasilva].


Resulta curioso tamén que a secretaria xeral de Igualdade sempre cale ante este tipo de insultos. Como valora a política de xénero da Xunta?

Hai moitas evidencias de que é simplemente postureo, non unha política igualdade, por moitas cuestións.


Por exemplo?

Todo o mundo lembra aquela campaña na que ás mulleres se nos identificaba con monumentos. A muller que ocupaba o lugar central era unha muller embarazada. Esa é a visión do PP, as mulleres somos monumentos e o noso lugar no mundo é ser nais. Esa é a súa visión. Cando hai descualificacións gravísimas contra mulleres, a secretaria de Igualdade, cala, non só no caso da presidenta de Deputación. Todo recordamos cando o presidente lle dixo á voceira do BNG que estaba necesitada.



Campau00f1a xunta monumentos

Imagen de la campaña de la Xunta que critica la presidenta de la Diputación


Pero antonte Alfonso Rueda presentou 14 medidas no Parlamento dentro do plan estatal para combater a violencia de xénero …

Rueda intentou ocultar que os recursos veñen do Estado, gobernando por Pedro Sánchez cunha vicepresidenta, Carmen Calvo, que decidiu que houbese 200 millóns para que as autonomías e os concellos poidan ter recursos para facerlle fronte.


A nivel de toda España, alcaldes e concelleiros do PSOE andan cavilando sobre o anuncio do Goberno. Ábalos dixo que de non haber orzamentos podería adiantarse as eleccións xerais, facendo coincidir as xerais, as locais e as europeas. Pareceríalle ben?

A min preocupáme levar máis dun mes escoitando falar de datas. Esas son as preocupacións da xente da rúa? Estou todos os días rodeada de xente na rúa, ninguén me pregunta pola data das eleccións. A xente pregunta polo salario mínimo -dinme que é moi baixo-, polas hipotecas e o poder dos bancos, pola vivenda, etc. Polas eleccións xerais, ninguén. Eu teño a costume sá de non entrar en debates que non lle importan a xente. Non quero alimentar debates que non lle interesan a sociedade, espero que o comprenda.


Si, pero ben, supoño que todos os políticos que como vostede se adican á política local teñen unha opinión, ao fin ao cabo facer coincidir as xerais coas locais inflúe na campaña electoral.

Hai opinións diferentes, pero eu quero que haxa espazo para explicar o que realmente lle interesa á xente, que está farta que non falemos deles. Unha parte moi importante da parte de credibilidade da política é que falemos do que nos interesa aos políticos e non do que lle interesa á xente.


Vale, daquela falemos de algo que si lle interesa aos pontevedreses, que á transferencia da AP-9. A presidenta da Deputación cre que o Estado debera transferila a Galicia? Logrado isto, debe a Xunta asumir a xestión directa vista a suba constante dos prezos das peaxes?

O que propuña o ministro Ábalos é bastante sensato. Temos unha rede moi importante de pago, con diferentes circunstancias. Que facemos cando rematan as concesións? Eu creo que teñen que volver ao público, dígoo así de claro. Que facemos para manter as autovías que supoñen un enorme custo? Ten que haber un debate moi breve de todos os grupos políticos para atopar unha resposta global. Isto de que cada comunidade tome decisións particulares, paréceme que non é serio nin riguroso. Isto xa se debería ter feito, deberiamos ter xa unha proposta clara, deixar de marear á xente. A mobilidade é un dereito da cidadanía e os dereitos deben estar garantidos e non teren custes inasumibles. Neste intre, as infraestruturas en España, en Galicia, teñen un custe que nos fai menos competitivos e que moita xente con poucos recursos non poida usalas. Agora ben, un non se pode esquecer de onde vimos, non podemos esquecer quen prorrogou a concesión do AP-9, foi o PP, se non o fixera hoxe debería xa unha autopista pública e gratuíta.


Outra prórroga que concedeu o PP foi a Ence en Lourizán. Dende Podemos, o socio preferente de Sánchez, andan reclamando ao Goberno que desmonte esa prórroga. É factible e desexable desmontar a prórroga da concesión?

Primeiro, ENCE non debería estar na Ría de Pontevedra.


Xa, pero está.

Segundo, o PP deu unha concesión intolerable de 60 anos. Non beneficia a esta cidade, non beneficia ao emprego, non beneficia á actividade económica. Beneficia única e exclusivamente a ENCE. É certo que cando hai unha concesión administrativa é moi complicada rachala, e Podemos sábeo. Hai procedemento administrativos reglados para facelo, é moi complicado. Hai que facer os estudos rigorosos que nos permitan ver que decisión podemos tomar para que unha empresa deixe de ter o beneficio dunha concesión que só lle beneficia a ela. Non se pode decidir de luns para martes, porque iso supón responsabilidades patrimoniais millonarias. E por certo, podería significar que logo os xulgados dixeran que a concesión é legal, polo que sería moi gravoso. Agora si, eu creo que hai que intentalo.


Falando de política provincial, vostede goberna canda o BNG, pese aos precedentes doutros tempos, neste caso, polo menos de portas para fóra, parece que a relación entre os socios de goberno foron boas …

Xa lle digo eu que non é aparente, é absolutamente extraordinaria, de matrícula de honra. Por que? Primeiro, porque se aprende e a historia da que vostede fala fixo que aprendéramos todas e todos. Ese ‘background’ axuda a planear un goberno unido. Partindo disto, elaboramos un programa de goberno para a provincia, onde definimos a folla de ruta, que se cumpriu ao 100%. Sabiamos por onde tiñamos que ir. E por último a relación persoal. Somos dúas formacións diferenciadas, pero que sabemos moi ben o que queremos facer. Sumado as boas relacións que temos cos alcaldes do PSdeG e do BNG, isto axudou a que a relación fose extraordinaria, de feito eu creo que somos un modelo de boa relación.


Pero recoñece que hai posicións políticas diferentes. Unha delas é a utilidade ou non das deputacións. O BNG propón a súa eliminación, aínda que participan dos seus gobernos ...

Nada ten que ver ter unha posición sobre cal debe ser a estrutura do Estado con que se goberne. Un pode gobernar e crer que debería haber outra estrutura, é moi respectable.


Cal é a súa postura respecto a utilidade das deputacións?

Os órganos intermedios son fundamentais para garantir os dereitos políticos, sobre todo dos concellos máis pequenos; porque o Estado queda moi lonxe para garantir as políticas de proximidade e as comunidades autónomas tamén. Non teñen ningunha proximidade aos problemas reais e como xestionalos. Canto máis lonxe do que desenvolven, menos eficaces son as administracións. De feito, a UE ten como principio básico a subsidariedade, que tomen primeiro as decisións os máis próximos e que se vaian alonxando a toma de decisións a outras administracións. Os órganos intermedios xogan un papel moi importante para axudar aos concellos que non teñen os recursos técnicos nin humanos. Iso si, estou tamén aberta a que se poida crear outra estrutura diferente. De onde veñen as críticas as deputacións? Dígoo moi clariño: porque sempre estiveron gobernadas por caciques. Como as decisións era clienterais, a xente percibías como instrumentos exclusivos de mantemento no poder de quen gobernase. Cando iso cambia, cando as administracións provinciais se converten en ferramentas útiles para garantir os dereitos, sobre todo nos concellos de menos de 20.000 habitantes, cambia a perspectiva da xente tamén.


Fala vostede de que as deputacións teñen mala imaxe porque aquí en Galicia están vinculdas ao caciquismo, o que é indubidable. Unha personaxe clave ao respecto foi o seu antecesor, Rafael Louzán. A Xustiza arquivou a causa por un suposto suborno por parte dun deputado provincial. Como valora esa sentenza?

Non coñezo en profundidade a causa. Non me gusta fixar posición en cousas que non coñezo profundamente. Hai resolucións do Tribunal Supremo que apuntan que a Fiscalía non pode instruír, non pode ter o protagonismo na instrución. Se as probas que se teñen proveñen da acción directa da fiscalía … supoño que aí é onde veu. Pero mire, o que é certo, o que ninguén pode negar é que aquí había irregularidades gravísimas, nestas cuestións e moitas outras, e a xente o sabe. A xente sabe que aquí o diñeiro público empregábase moitas veces para o negocio propio.

Daquela atoparon moitas sorpresas nos caixóns cando chegaron á Deputación de Pontevedra?

Atopamos moita documentación que considerabamos que era un claro síntoma de irregularidades. Eran caixas e caixas e caixas. Remitímolas á fiscalía para que quedase claro que todo iso non tiña que ver con nós, quera unha herdanza e, ben a fiscalía considerou que era moita moita documentación e non podía avaliala. Pero xa lle digo eu que había irregularidades. Claro que si.


Para ir rematando, relacionado co posible adianto electoral, que perspectivas ve para o PSdeG en Pontevedra?

Na provincia vai ser a primeira forza, xa nas anteriores quedamos só a dous puntos do PP. Ademais, agora gobernamos a 600.000 persoas entre BNG e PSdeG, dous tercios da poboación, nesta provincia e o PP só a 300.000. Isto ten que ver cunha imaxe de partido potente na provincia, con ideas e moito traballo. Estou seguro que o PP vai sufrir un golpe electoral nesta provincia e imos seguir desenvolvendo un proxecto baseado na igualdade, na mobilidade sostible, o medio ambiente, a innovación, a cultura e o talento. No PP saben que as súas perspectivas electorais son malas.


Teñen enquisas internas no PSdeG neste sentido?

Eu non son cargo orgánico no partido. Hai ano e medio que dixen que me ía adicar a ser exclusivamente presidenta da deputación. Si que coñecemos moitas enquisas, non só elaboradas a nivel do Estado, senón elaboradas por medios de comunicación galegos e polo meu propio partido que nos sitúan nunha posición moi vantaxosa na provincia de Pontevedra. O PP tamén as fai e o sabe.


E ao fronte dese proxecto vai estar Carmela Silva liderándoo?

Eu son unha persoa moi respectuosa cos órganos do meu partido porque creo que iso é o que facilita a convivencia. Nós temos unha fórmula para esa designación, propóñense nomes nun comité provincial e alí e onde se decide. Respectar as formas é respectar á militancia e os cargos do partido que lle adican tanto tempo a cambio de nada. Eu estou encantada de ser presidenta e da xestión do conxunto do goberno e os militantes dirán. Até me avergonza un pouco ter que falar de min.


Pois falemos doutro cargo do PSdeG, Gonzalo Caballero acaba de ser elixido candidato á Xunta adiantando dous anos as primarias. Como valora esta estratexia e a súa labor como líder do PSdeG até agora?

Isto chámase democracia. Hai eleccións, a xente decide e logo todo o mundo ten que asumir o que se votou. Por iso cando os partidos de esquerdas perden algunha elección chaman aos de dereitas para darlle os parabéns. Eu respecto moitísimo o resultado das primarias e a partir de aí Gonzalo Caballero é o secretario xeral de todas e todos, o meu tamén. Agora se tomou a decisión de que se elixira xa o candidato …


Cun adianto de dous anos …

Se o partido o decidiu así está ben eu non o cuestiono. Así ten dous anos para poder recorrer Galicia e facer propostas para esta comunidade con tampouco creatividade e talento no Goberno do señor Feijóo. A partir de agora, non fala só como secretario xeral senón como candidato, polo que ten moita máis forza. Ademais, como o tema está tan cambiante, quen nos di que Feijóo -que está tan canso de ser presidente, que lle aburre tanto, que amosa esa pasividade, que se lle ve triste- non vai adiantar as eleccións? Gonzalo Caballero está recorrendo todos os recunchos de Galicia, tamén os máis pequenos, o que amosa outra visión de Galicia. 



Entrevista carmela silva 1

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE