As vítimas do Alvia critican presentar "de forma ostentosa" o AVE a Galicia "coma se non pasase nada"
José Blanco, un dos ministros de Fomento no punto de mira do colectivo, rexeita "poñerse medallas" pola chegada do AVE, pero lembra que baixo o seu mandato licitáronse 4.000 millóns.
Entregan unha carta a Pedro Sánchez en presenza do Rey, na plataforma de Chamartín onde se subiron ao tren
Vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago ven "inaceptable" inaugurar "de forma ostentosa" a chegada do AVE á comunidade "coma se non pasase nada", tras a morte de 80 persoas na curva da Grandeira, en Angrois (Compostela).
"É inaceptable que tras oito anos sen a investigación técnica independente que reclama a Unión Europea para aclarar o que alí ocorreu e que non volva suceder vaian inaugurar de forma ostentosa a LAV Madrid-Galicia coma se alí non pasase nada", sinalan nunha carta que entregaron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
EN PRESENZA DO REY
A misiva lla dado en man a Sánchez e en presenza do Rey Felipe VI un dos integrantes da plataforma de afectados, Arturo Domínguez, na plataforma de Chamartín onde a comitiva tomou o tren con destino a Ourense.
Con ela, os familiares dos falecidos e feridos no sinistro aquel día denuncian a "absoluta falta de sensibilidade e desmemoria impropias dun país serio". "Debería causar ruborizo ás nosas institucións e gobernantes", advirten.
ANOS DE LOITA
Así, lembran que levan "máis de oito anos reclamando a verdade e que se depuren todo tipo de responsabilidades, tal e como corresponde a unha democracia avanzada" e inciden en que "para iso é imprescindible que se realice unha investigación técnica independente" sobre o sucedido, que aínda está por xulgar.
De feito, o instrutor pechou a causa con dous presuntos responsables de 80 homicidios por imprudencia profesional grave: o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif, que está previsto que senten no banco no primeiro trimestre de 2022.
ESTUDARÁ O CESAMENTO NA CIAF
Con todo, a única investigación oficial realizada polo Estado español, a da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), culpa unicamente ao maquinista.
Por este motivo, a plataforma de vítimas, que foi recibida o pasado xoves pola actual ministra de Transportes por primeira vez, reclamoulle o cesamento do presidente do organismo, ao que esta respondeu que o estudaría.
Escribe o teu comentario