Identificadas 24 das 62 vítimas mortais dos incendios de Portugal
Máis de 2.000 bombeiros traballan na extinción duns lumes que deixaron, ademais, 62 feridos.
Os forenses identificaron 24 das 62 vítimas mortais que perderon a vida no incendio desatado o sábado en Pedrógão Grande, no distrito portugués de Leiria, segundo informou este luns a ministra de Administración Interna, Constanza Urbano de Sousa.
Máis de 2.000 bombeiros traballan na extinción duns lumes que deixaron, ademais, 62 feridos. O comandante de Protección Civil, Elísio Oliveira, afirmou que as tarefas de extinción evolucionan de forma favorable, aínda que a situación na zona centro de Portugal segue sendo "difícil e complexa".
O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, chegou este luns á zona de Avelar, onde garantiu que as autoridades farán "todo o que sexa necesario" para controlar os lumes, aínda que admitiu que os medios aéreos non están a intervir de momento da forma máis adecuada por falta de visibilidade.
Rebelo de Sousa considerou "natural" que se expoñan algunhas preguntas sobre o ocorrido pero aprazou o debate ata facer fronte aos "desafíos máis urxentes". "A prioridade agora é combater o incendio e dar apoio ás vítimas e as súas familias", destacou, segundo medios locais.
Centos de evacuados empezaron a regresar este luns aos seus fogares, aínda que tanto veciños como equipos de emerxencia seguen atentos a evolución dunha meteoroloxía marcada de novo polas altas temperaturas, con ata 38 graos nalgunhas zonas.
Escribe o teu comentario