PSdeG denuncia que a Xunta deixou 39 millóns en prevención de incendios sen executar
Cargan contra o "continuísmo" da política forestal autonómica, e lamentan que estea presidida polo "descontrol".
O grupo parlamentario do PSdeG arremeteu contra o "continuísmo" total da política forestal autonómica, reprochando que o plan contra incendios da Xunta para 2017 (Pladiga) é "case un curta e pega" do anterior, carente de "grandes proxectos" para unha cuestión "clave" en Galicia.
En rolda de prensa, o deputado socialista José Antonio Quiroga, referiuse en concreto ao "descontrol" e "falta de planificación" que revela o estado actual de limpeza dos montes, no que só 129 dos 399 expedientes de limpeza empezaron os traballos.
"Nin sequera quere dicir que se terminen, porque agora empeza o período de alto risco e veranse retardados ou imposibilitados", advertiu.
Por iso, arremeteu contra a "desidia" da administración galega, que deixou sen executar 39 millóns de euros no últimos catro anos das contías orzadas para accións preventivas contra incendios.
Sobre o Pladiga en si, aprobado este xoves no Consello da Xunta, lamentou a "falta de respecto institucional" e o "desprezo" cara aos grupos políticos por parte do Goberno galego, dado que a pesar de que o contido "viña filtrándose" desde o luns, os parlamentarios só tiveron acceso a el a partir da tarde do xoves.
Entre as novidades, referiuse ao "avión menos" co que se contará nas tarefas de extinción ou a xeolocalización, presentada como "novidade" pero que "xa estaba operativa" salvo para as brigadas municipais.
Volvendo á prevención, lamentou que o aumento de parroquias de alto risco non se vexa acompañado de medidas específicas para estas zonas nas que se concentra o groso de incendios forestais, ademais da falta de seguimento da limpeza das contornas de núcleos habitados.
"A política contra incendios está presidida polo descontrol", denunciou, con máis de 30.000 hectáreas de plantacións en terras agrarias "fóra de control e en contra da lei", ademais do paso de 225.000 a 430.000 hectáreas de plantación de eucalipto.
Escribe o teu comentario