As Rías Baixas rexistraron os seus mellores datos históricos en agosto
Segundo a Deputación de Pontevedra, é "a cuarta zona turística con maior auxe de España". Un terzo son visitantes internacionais.
Escola de surf, na Lanzada.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que o turismo deixa uns "resultados históricos" no mes de agosto nas Rías Baixas.
A titular da institución provincial tomou como referencia os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que se recollen desde o ano 1999 para destacar que "este é o mellor mes de agosto nas Rías Baixas".
Carmela Silva compareceu en rolda de prensa acompañada do deputado delegado de turismo, Santos Héctor, para lembrar que o segundo mellor resultado se obtivo en agosto do pasado ano 2016 e o terceiro foi en agosto do ano 1999 cando se rexistrou unha ocupación hostaleira do 74,9%.
OCUPACIÓN
Ademais, segundo os datos de ocupación hostaleira recollidos por Turismo Rías Baixas, agosto pechou cun 91,11% de ocupación, cifra que supera as previsións que manexaba a institución provincial ao principio do verán. No mesmo do pasado exercicio alcanzouse o 89,2%.
"Estes resultados xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe de España, detrás do Pirineo Vasco, do Val de Arán e de Fuerteventura", con pernoitas que no primeiro semestre de 2017 crecen un 3,7% sumando máis dun millón de pernoitas e subindo un 7% o número de visitantes, indicou Carmela Silva.
Na súa intervención, tamén asegurou que "Pontevedra é a provincia galega máis atractiva" ao recibir o 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino.
Ata o momento e para este mes de setembro a Deputación de Pontevedra está a obter "sorprendentes" perspectivas xa que en portais especializados como booking.com as Rías Baixas teñen o 83% das prazas reservadas con picos do 100% en Pontevedra, 95% en Baiona, 85% en Vigo e 76% no Salnés.
TURISMO RURAL
A presidenta provincial tamén celebrou os "excelentes resultados" colleitado en agosto nos establecementos de turismo rural, cunha ocupación dun 85,65% o que consolida a Pontevedra como unha provincia líder.
E é que os datos do portal especializado escapadarural.com, sitúan a Pontevedra no terceiro posto dentro do "top ten nacional", sendo soamente superada por Málaga e Barcelona.
PERFIL DOS VISITANTES
En agosto un 36% dos turistas que recibiu as Rías Baixas procedía doutros países (a media de Galicia está no 26%). A maioría destes visitantes internacionais era de Portugal, Francia, Reino Unido e Italia "o que coincide cos países que teñen rutas que enlazan co aeroporto de Peinador", sinalou Carmela Silva.
Ademais, o 58% dos visitantes ten entre 35 e 60 anos de idade, o 42% dorme en hotel, permanecen neste destino entre 7 e 15 días e visita as Rías Baixas por aspectos relacionados coa natureza (o 33%).
Escribe o teu comentario