A Deputación de Ourense xustifica como "un erro" as facturas a afectados polos incendios
Reclamaban o custo da extinción a dúas persoas que perderon a súa vivenda, pero "chamóuselles para pedirlles desculpas".
Pablo Pérez, nunha visita a Carballeda de Avia. Foto: Deputación de Ourense
O presidente do Consorcio de Bombeiros de Ourense, Pablo Pérez, negou este xoves que se vaian cobrar taxas polas actuacións dos bombeiros durante a onda de incendios do 14 e 15 de outubro.
Así o confirmou, despois de cualificar como "unha mentira" o comunicado emitido por Democracia Ourensana no que a formación de Pérez Jácome alertaba de que chegaran facturas a veciños de Carballeda de Avia afectados pola vaga de lumes.
Pérez confirmou que esas facturas se enviaron, pero que "nunca se cobrou, nin se cobrarán" as actuacións do Consorcio de Bombeiros cando se realicen dentro dunha situación de excepcionalidade, tal e como recoñece a ordenanza reguladora do servizo e como se produciu durante esa fin de semana de outubro.
Con todo, recoñeceu que cando non hai unha situación excepcional o Consorcio "está obrigado a cobrar". "A taxa é automática, salvo situación catastrófica, ou no caso de que os afectados non teñan seguros ou os seus recursos sexan moi baixos", abundou o presidente do consorcio.
FACTURAS POR ERRO
Respecto da moción presentada por DO na que cualificaba como "broma macabra" o cobro de máis de 800 euros a "persoas que viron como lles ardía a súa vivenda", o responsable do Consorcio lamentou que a formación "tente sacar réditos políticos".
Neste sentido, explicou que o caso denunciado por DO é o dunha vivenda que se incendiou o 21 de outubro, fóra da situación de excepcionalidade.
Así, lamentou que DO "aproveitase" as protestas na rede de dúas persoas que perderan as súas vivendas durante a vaga de incendios e ás que lles chegaba "por erro" unha factura para cobrarlles unha actuación dos bombeiros o día 21 nunha parcela que non era súa.
Pérez confirmou que "se lles chamou para pedirlles desculpas" despois de comprobar que se lles enviou erroneamente esta factura por "un erro na parcelación".
Escribe o teu comentario