"As camas existen, pero non se dotan do persoal necesario para estar dispoñibles"
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS constata que a saturación segue nas Urxencias, con enfermos nos corredores durante horas.
Imaxe de arquivo das Urxencias do CHUS.
A saturación das Urxencias non remata de solucionarse no hospital de Santiago, onde este mesmo luns chegaron a acumularse ata 20 pacientes no corredor de acceso durante horas, tal e como denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.
A asociación constatou que ao longo da tarde se foron acumulando enfermos de distinta gravidade, mentres pacientes pendentes de ingreso se mantiñan nos espazos de atención.
"As camas existen, pero non se dotan do persoal necesario para que sexan un recurso sanitario dispoñible", explica a asociación. Por tanto, reclaman "habilitar máis espazos en Urxencias dotados de persoal e dispoñer de camas hospitalarias no momento en que son demandadas".
No seu comunicado, rexeitan que desde a Xunta se culpe aos pacientes de usar mal o servizo de Urxencias, porque "non somos nós os que valoramos o noso estado de saúde nin os que decidimos que debemos ser antendidos", senón os profesionais "sometidos a condicións e presións intolerables".
"Acudimos a urxencias hospitalarias porque noutros niveis de atención non hai recursos e medios equivalentes", argumentan, para criticar o "modelo hospitalocéntrico".
A asociación lamenta, ademais, a falta de canles para amparar as denuncias dos pacientes e para a participación, así como un ditame da Valedora favorable ao Sergas para o que "nin sequera realizou unha inspección física e persoal do que sucede no servizo".
Escribe o teu comentario