Son casos puntuais...

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

  “A liberdade e a saúde parécense: o seu verdadeiro valor, 
coñécese cando nos faltan”. Henri Becque, París,
 1837-1899. Dramaturgo francés.

 

O conselleiro de Sanidade, en declaracións aos medios de comunicación e de forma grandilocuente, dixo que “as carencias de persoal sanitario na Galicia débense a situacións puntuais” e nega o “recorte de partidas”. Preguntado polas mobilizacións nas diferentes localidades do país: que “é pola falta de profesionais” e, como sempre, “que a culpa é do Goberno central”. Xa dixemos moitas veces, que as competencias no tema da Sanidade, téñenas desde sempre…

 

Nos últimos meses, recollemos múltiples incidencias sanitarias: Catoira, Vilagarcía, A Guarda, Oia, Tomiño, etc. A Voz daa Sanidade de Cangas volveu a mobilizar, como cada martes, desde o 21/11/2023, para denunciar os problemas estruturais que sofre a AP: o consultorio de Ou Hío segue pecho, a consulta de tarde de pediatría non está cuberta, faltan recursos en saúde mental, non se cobren as ausencias do persoal e a necesidade dunha ambulancia de soporte vital avanzado para a comarca. Ademais, sumáronse á concentración do día 12/04/2024, coincidindo co Día Internacional da AP, da plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, diante do Parlamento Galego para facer unha lectura colectiva das 13 medidas do IP, que a plataforma considera indispensables para resolver o problema sanitario (si quixera o PP, claro).

 

Pacientes de Oncoloxía do CHUS foron á Valedora do Pobo para denunciar que as revisións do cancro que tiñan que facer levan varios meses de atraso. Denuncian que non se cobren as baixas de médicos en hematología do CHUS. Un centenar de familias reclaman pediatra en Cerdedo polo menos un día por semana. Cen nenos levan anos sen pediatra e teñen que desprazar 20 km a Forcarei ou Cotobade, onde teñen servizo só dous días a semana. Dimite un terzo do persoal médico de urxencias de POVISA, o maior hospital concertado de Galicia. A falta de pediatras continúa sendo un problema no Barco de Valdeorras: pais e nais quéixanse pola falta de pediatras e o alcalde sumouse á concentración. Teñen só un pediatra para máis de 2.000 nenos e nenas. Outes está a recoller firmas polo recorte no servizo de pediatría. Desde 2004 xa son 194 os concellos galegos, sen pediatra, e o cadro de persoal de pediatría reduciuse un 19,8%. En Muras estiveron 15 días sen asistencia médica: a veciñanza se mobilizó para reclamar a volta do servizo, nun acto convocado polo goberno local. A plataforma Chantada Quere Sanidade entregou 3.700 firmas na Consellaría para pedir melloras sanitarias, mesmo no Hospital Comarcal de Monforte. Colapsos repetidos nas Urxencias do CHUS: até 17 "pacientes graves" esperaban en padiolas e cadeiras de rodas. Redondela: pedir cita para consultas médicas tarda dez días. Centos de persoas asisten á 'Concentración en defensa da sanidade pública de Valdeorras' convocadas por l Xunta de Persoal. Por quinta semana consecutiva, concentración de médicos no Hospital de Ourense pola terrible situación crítica das Urxencias. A Plataforma Pediátrica da Limia di que “non pararemos ata que Xinzo conte con dous pediatras". A plataforma non descarta acampar dentro do concello se non chegan solucións. Problema en radioloxía no CHUAC. Nas últimas semans, veciños de Carballiño, Xinzo, Coles, Monterrei, A Mezquita, A Gudiña e Vos Peares mobilizáronse para esixir unha cobertura sanitaria de calidade nos seus Centros de Saúde. O Sergas recoñece "falta de cobertura" na PAC de Bueu, O Grove e Vilagarcía...E o dereito ao aborto, Alfonso Rueda, déixao en mans do sector privado! Acordémonos do paritorio de Verín que se mantivo grazas a mobilización cidadá! E que me perdoen todos os lugares onde teñen mobilizacións e non collen neste artigo...

 

...e a pesar de todo o exposto, temos 2.039 centenarios e centenarias: 75 centenarios por cada 100.000 hab. (segundo o INE). Case como en Okinawa (Xapón) o lugar con máis lonxevos do planeta.

 

Non faltan sanitarios, o que falta é pagarlles un salario digno, darlle a estabilidade que require a profesión e non traballar en condicións precarias que desincentiven ás profesionais. E que non emigren a lugares que si prestigian a profesión. Non nos inventamos nada. Non son “casos puntuais”. Non insulten a nosa intelixencia. A maioría absoluta non lles dá dereito a desmantelar o ben máis prezado que temos: a nosa saúde!
 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE