Concordia versus Memoria Histórica

Manoel Barbeitos
Economista

Guerra civil2 693x550
Guerra civil

 

 

'Non haberá nin amnistía nin reconciliación para os vencidos. Só o castigo e o arrepentimento abrirá a porta a súa redención pero exclusivamente para os que non foron criminais empedernidos aos que só lles espera a morte' 

Francisco Franco


Dias atrás e coincidindo co 93 aniversario da constitución da II República española (14 de abril de 1931) producíase en España un debate político que non se pode cualificar por menos que ignominioso (vil, infame, afrontoso...) ao intentar substituír a memoria histórica pola concordia. Un debate que xustifica sobradamente que as dereitas españolas (PP, Vox) sexan cualificadas como dereitas extremas, pois equiparar a Ditadura franquista (unha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX) coa II República española (un dos réximes mais progresistas desa época) só é posible desde ideoloxías totalitarias. Asemade, opoñerse a que a memoria de miles e miles de vítimas do franquismo sexa recuperada e dignificada é infame. Pero fagamos un pouco de memoria histórica.

O 14 de abril de 1931 proclamábase a República. Escribiuse moito sobre as causas deste fito histórico pero, dado que se trata dun artigo, resumirei sinalando que os monárquicos prepararon o terreo para esta proclamación xa que ao aceptar a ditadura anticonstitucional de Primo de Rivera asinaron a sentencia de morte da monarquía borbónica. Unha proclamación modélica xa que se produciu sen verter sangue o que puxo en evidencia tanto o enorme apoio social con que contou dende o principio como tamén o rexeitamento á monarquía e ás vellas institucións. Unha Republica que inmediatamente convocou eleccións a cortes constituíntes (28 de xuño) que procederon á elaboración e aprobación dunha Constitución inequivocamente democrática (decembro de 1931) que garantía as liberdades e os dereitos democráticos e que buscaba situar España entre os estados europeos socialmente mais avanzados. Concedeuse unha amnistía para tódolos delitos políticos e sociais e por primeira vez se proclamaba o sufraxio universal. Garantíase tamén a independencia do poder xudicial e intentouse unha reforma profunda das forzas armadas e unha reforma agraria. Por primeira vez recoñecían a relevancia do “problema rexional” que posibilitaría que durante a República se promulgaran dous estatutos: Catalunya e Euskadi. En definitiva, España equiparábase ás democracias europeas e deixaba de ser unha anomalía. Unha democracia que a pesares dos intentos desestabilizadores como, por caso, o coñecido como “bienio negro” (1933-1935), conseguiu estabilizarse e avanzar (eleccións de 1936 nas que triunfa o Fronte Popular). Un avance que foi cortado de raíz polo subversivo alzamento militar do 17 de xullo de 1936 que daría paso a unha terrible guerra civil (calcúlanse entre 675.000 e 800.000 o número de mortos) da que resultarían vencedores os sediciosos encabezados por Francisco Franco.


O 1 de abril de 1939 (“cativo e desarmado o Exercito Roxo acadaron as tropas nacionais os seus últimos obxectivos militares...proclámase a vitoria da Católica España”) iniciaba a súa andadura un dos réximes mais crueis e sanguinarios do século XX (a ditadura franquista) que se prolongaría (“unha longa noite de pedra”) durante case catro décadas. Un réxime que crearía un novo Estado que correctamente se pode definir como fascista. Que, baixo a autoridade indiscutible do Caudillo, tería no exercito e nas forzas de seguridade un dos principais soportes dun poder que contaba, ademais, coa lexitimación da igrexa católica, dos grupos financeiro e industrial e da oligarquía terratenente. Un réxime que consideraba as clases populares como os seus inimigos de clase e que para asegurar o seu dominio político empezou por unir os tres poderes (executivo, lexislativo e xudicial) nun só, que negou os dereitos e as liberdades democráticos (reunión, asociación, opinión, prensa...), que suprimiu partidos e sindicatos, que lexislou sempre a prol dos grupos sociais hexemónicos e en contra das clases populares, que perseguiu con furia e enorme crueldade as organizacións democráticas creando un auténtico estado de terror (os historiadores calculan en máis de 150.000 as vítimas do terror franquista das cales máis de 50.000 foron executadas) e que converteu a España nun dos estados europeos socialmente mais subdesenvolvidos.


O anterior relato, obrigatoriamente moi breve, debería servir para entender por que a equiparación de ambos os dous réximes resulta ignominiosa e afrontosa ademais de falta total de rigor e veracidade. Para compartir que calquera oposición a restaurar a memoria e a dignidade dos asasinados pola ditadura franquista e un acto vil e infame. Para defender que ningún demócrata pode apoiar a neutralidade. Para lamentar profundamente que, ao día de hoxe, aínda no se fixera xustiza e haxa partidos (PP/Vox), dirixentes políticos e medios de comunicación e opinión manifestamente franquistas que como tales se opoñen, por caso, á Lei de Memoria Democrática para defender leis da concordia que manteñen a versión dos vencedores da guerra civil e que, entre outras cousas, falsifican a historia chegando a equiparar as vítimas da insurrección militar e a ditadura franquista coas “vítimas da República”.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE