É Galicia un país conservador?

Manoel Barbeitos
Economista

A sabedoría popular tende a explicar os longuísimos períodos de goberno das dereitas en Galicia –“unha longa noite de pedra”-, uns dos mais longos de España e posiblemente de Europa, como lóxico resultado da mentalidade conservadora da maioría dos/as galegos/as. A verdade é que si en 37 anos de autonomía –as primeiras eleccións autonómicas celebráronse o 20 de outubro de 1981- as dereitas galegas (UCD/AP) gobernaron 29 anos e o fixeron case sempre con maiorías absolutas resulta comprensible que estea amplamente estendida esa idea do carácter maioritariamente conservador da sociedade galega.


En defensa desta crenza utilízanse diferentes argumentos que van dende factores estruturais da sociedade galega –elevado peso do rural, dispersión da poboación, envellecemento poboacional- que facilitarían un maior control do voto (o “voto cativo”) por parte das dereitas galegas, ata ideolóxico/culturais –o forte peso da airexa católica na vida e costumes de moitas familias galegas- que turrarían da ideoloxía conservadora.


Fragafeijoo


Hai tamén outro argumento, que persoalmente si considero relevante, relacionado este coa lei electoral galega e, mais en concreto, co reparto de escanos a nivel provincial. Un reparto que prima as provincias do interior (Lugo, Ourense) en prexuízo das mais occidentais (A Coruña, Pontevedra) e que, como veremos, non é moi democrático que digamos. Os 75 deputados de que se compón o Parlamento galego, 25 corresponden a provincia de A Coruña, 14 a de Lugo, outros 14 a de Ourense e 22 a de Pontevedra. Si comparamos o número de deputados co censo provincial comprobamos como o balance está claramente segado a prol das provincias do interior: 45.148 censados por 1 deputado en A Coruña, 24.209 en Lugo, 22.767 en Ourense e 43.105 en Pontevedra. O peso conxunto dos deputados de Lugo e Ourense (28) no global do Parlamento de Galicia (75) é moi superior (37%) a súa participación no conxunto censa (24%). Un sego que implica unha situación escasamente democrática: en Galicia non tódolos votos son iguais. Un sego que ten claramente consecuencias políticas e, por caso, a provincia de Ourense é un caso paradigmático no so en Galicia senón incluso en España.


Sendo certas e importantes estas evidencias non son suficientes para explicar o longo dominio conservador. Na análise deste fenómeno hai que ir mais aló para así entender mellor o por que Galicia “é diferente”, aínda que non tanto como din moitos e queren xustificarse algúns. Unha análise mais política da realidade galega.


Empecemos por caso coa participación electoral, dato que nos pode mostrar o grado de participación/implicación do electorado galego e o peso real dos distintos bloques dereitas/esquerdas. Analizando tódalas contendas electorais autonómicas habidas dende as primeiras de 1981 vemos como a participación electoral dos galegos nunca superou o 65% do censo (a mais elevada foi do 64,4% nas eleccións do 1 de marzo do 2009) unha porcentaxe que subliña como un terzo do electorado galego non sole ir a votar. Compre comparar este resultado coa media española nas eleccións xerais (case sempre superior ao 70%), a media nas eleccións autonómicas cataláns (sempre por riba do 75%) e vascas (65%). Dada a solidez do voto conservador en Galicia non resulta ariscado subliñar que esta abstención prexudica, como sucede no Pais Vasco, mais as esquerdas que as dereitas. Velaí un dato a ter moi en conta: a (baixa) participación electoral condiciona, e moito, o resultado en Galicia prexudicando especialmente as esquerdas.


Unhas esquerdas que durante moito tempo estiveron artilladas en torno a dous partidos clásicos en Galicia: PSOE e BNG. Dous partidos que se reclaman dos espazos socialdemócrata español e comunismo galego: non hai ningunha intención pexorativa nesta cubicación senón que responde a súas sinais de identidade política. Uns partidos que agás nas eleccións do ano 2005 nunca foron quen de superar en conxunto as dereitas en votos e en deputados. Naquel ano acadaron o seu maior número de votos (860.000) superando así claramente as dereitas (756.000). Votos que lles permitiron obter unha representación de 38 escanos (25 PSOE e 13 BNG) fronte aos 37 das dereitas (PP). Ano este que viu a continuación do desastre do Prestige (2002), cunha xestión calamitosa do Partido Popular, e no que ademais o deterioro físico de Manuel Fraga era mais que evidente. Fenómenos os dous que influíron decisivamente, sen xénero de dúbidas, no resultado final así como o feito, posiblemente derivado dos factores citados anteriormente, de ser un dos anos coa participación electoral mais alta (64,2%). Dato este último que ven a confirmar o sinalado anteriormente sobre a necesidade dunha alta participación electoral para unha vitoria das esquerdas. Condición necesaria si, pero non suficiente.


Ese ano (2005) o Partido dos Socialistas de Galicia (PSOE) obtivo o maior número de votos da súa historia (555.600) sen que foran menos importantes os votos do Bloque Nacionalista Galego (312.000). Destacar que o Partido Popular obtivo un número de votos nada desprezable tendo en conta os precedentes (756.500: 45,23%). Uns votos lixeiramente superiores lle servirían para recuperar o goberno nas eleccións seguintes (2009: 789.500 votos) a pesares de que as esquerdas rozaron a súa maior cifra de sempre (en torno aos 800.000) cunha participación do 64,4%.

En termos porcentuais, sobre o censo electoral de Galicia, os resultados acadados polas dereitas en todos os anos de autonomía, a pesares das súas avultadas maiorías, nunca chegaron ao 33,3% (un terzo) do censo electoral (o tope estivo no 32% o ano 1997 na terceira investidura de M. Fraga). Dato que, cando menos, pon en dúbida a afirmación de que Galicia sexa un país conservador. Nembargante os distintos resultados si confirman a superior fidelidade dos votos das dereitas, concentrados dende fai décadas no Partido Popular.


Na outra beira os resultados acadados polas esquerdas (ata o ano 2016, en que aparece En Marea, centradas case exclusivamente no PSdG-PSOE e no BNG) sinalan que cando non se dan circunstancias excepcionais (por caso, as xa citadas do declive físico de M. Fraga e a indignación levantada coa xestión do desastre do Prestige) a aquelas resúltalles extremadamente difícil superar cos seus votos o 30% do censo electoral. Velaí un dato revelador: o longo dominio conservador en Galicia está directamente relacionado coa incapacidade das esquerdas de superar globalmente o 30% do censo electoral.


Unha incapacidade que, por parte de quen isto escribe, relaciono coas limitacións que ofrece a esquerda galega si se apoia exclusivamente no PSdG-PSOE e no BNG: o grande fracaso do goberno bipartito PSOE/BNG (2005-2009), incapaz tanto de levar adiante un auténtica política de cambio como de superar as lóxicas diferenzas e evitar así as loitas irmandiñas foi unha mostra definitiva desas limitacións. Nun artigo posterior explicarei as razóns que me levan a facer esta afirmación e, xa que logo, a apostar por unha vía alternativa antisistémica nas esquerdas –nin socialdemócrata nin comunista, nin nacionalista nin españolista- tal que permita acadar unha maioría social de cambio. Vía alternativa que, como estamos vendo, resulta extremadamente difícil de consolidar. Coido que foi Bertolt Brecht quen dixo algo así como que “a esquerda sempre remata por arrancar a derrota das fauces da vitoria”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE