O Krasnodar ruso está en Vigo para o primeiro partido da eliminatoria
No Celta, Guidetti avisa do potencial do opoñente, onde xogan dous compatriotas, e subliña a importancia de gañar en Balaídos.
O rival do Celta deste xoves xa está en Vigo á espera do primeiro partido da nova eliminatoria de Europa League. O Krasnodar ruso chegou este mércores ao mediodía a Peinador.
En Vigo, John Guidetti coñece a dous compatriotas que xogan no rival dos celestes e avisa do potencial do equipo visitante: "É un equipo moi forte e moi difícil, sobre todo no seu campo. Vén de eliminar o Fenerbahçe, iso xa o di todo".
Por iso, resalta a necesidade de levar de Balaídos un resultado positivo. "Para min é moi importante gañar na casa. Contra o Shakthar non o conseguimos e logo tivemos un partido moi difícil en Ucraína. Por iso é moi importante gañar o primeiro partido, como mínimo temos que conseguir un empate porque en Rusia tamén será difícil", subliñou.
Pensando na volta, o Celta comezou a preparar a viaxe, tamén para aqueles afeccionados que queiran vivir o encontro de volta de oitavos de final da UEFA Europa League. A través da súa web, informan das condicións para compartir avión coa expedición celeste. O paquete inclúe visado, viaxe de ida e volta, 2 noites de hotel, traslados e visita á cidade acompañado dun guía de fala hispana.
Escribe o teu comentario