Emmanuel Macron toma posesión como presidente da República de Francia
O ex banqueiro é a persoa máis nova en ocupar o cargo. Espérase que este luns nomee o primeiro ministro e o Goberno.
Emmanuel Macron, un ex banqueiro de 39 anos, converteuse este domingo no presidente máis novo na historia de Francia, despois de impoñerse á líder ultradereitista, Marine Le Pen, na segunda volta electoral do 7 de maio, despois dunha campaña electoral marcada pola sucesión de escándalos políticos.
Macron foi proclamado vixésimo quinto presidente da República de Francia nunha solemne cerimonia celebrada no Palacio do Elíseo durante a que recibiu a Gran Cruz e o Gran Colar de Gran Mestre da Orde Nacional da Lexión de Honra de mans do xeneral Benoit Poida.
Espérase que o novo presidente francés, que xa designou o seu equipo polo Elíseo, nomee o primeiro ministro e o Goberno o luns, aínda que a continuidade do Executivo está condicionada á decisión que tome o Parlamento xurdido das eleccións lexislativas do xuño próximo, que poderían dar lugar a unha nova cohabitación.
HOLLANDE ABANDONA O ELÍSEO
François Hollande abandonou o Palacio do Elíseo simbolizando así o final da súa etapa como presidente de Francia, marcada pola súa escasa popularidade e a ameaza terrorista.
Hollande saíu pola entrada principal xunto a Macron e andou por unha alfombra vermella, no medio dunha gran ovación dos apostados na esplanada do Elíseo, que o seu sucesor acompañou con aplausos, ata chegar ao coche que o sacou do que foi o seu fogar durante o últimos cinco anos.
Escribe o teu comentario