Galego sancionado por Ucraína acusa a Kiev de perseguir a liberdade de expresión
Pedro Mouriño e Renato Alberto Landeira, socios de varios negocios en Vigo, aparecen na lista oficial de persoas sancionadas por Kiev por colaborar con Rusia. Mouriño rebate en Galiciapress que el o único que fai é opinar e defender os intereses de Rusia no marco do seu cargo de cónsul en Vigo.
Un dos dous empresarios de Galicia aos que Ucraína mantén sancionados discute a legalidade e o alcance dos castigos. En declaracións a Galiciapress , Pedro Mouriño, sinala que “as sancións impostas por Ucraína non teñen efectos extraterritoriais fóra do territorio ucraíno, nin alcanzan ás persoas que teñan relacións cos sancionados”.
O vigués quéixase de que o seu é un caso peculiar, porque estamos ante “ unha das poucas ocasións coñecidas en que foron impostas sancións a un axente diplomático”. Mouriño é desde hai varios anos Cónsul de Rusia en Vigo. O entón vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistio á súa posta de longo, que tivo lugar varios anos despois da anexión ilegal de Crimea por parte de Rusia.
Como explicou Galiciapress, os motivos enarborados publicamente por Kiev para sancionar a este ex-dirixente do as Novas Xeracións do Partido Popular de Galicia non teñen que ver coa súa actividade empresarial ou consular, pero si coa súa presenza nos medios de comunicación, en particular ser, di Kiev, “correspondente” da canle de televisión Russia Today. Mouriño colaborou con liñas editoriais prol-Kremlin como o citado RT, Sputnik ou, máis recentemente, os español Negocios Televisión.
“O pouco que hai de certo detrás das imputacións é o resultado da miña liberdade de expresión, ben por manifestar a miña opinión persoal, ben por realizar actos de conduta expresiva sobre os que eu e non Ucraína, son o único goberno”, argumenta o galego que lembra que “son axente consular da Federación de Rusia e exerzo por delegación do seu Ministerio de Asuntos Exteriores funcións diplomáticas de carácter consular”. O galego interpreta que as leis internacionais protéxenlle das sancións.
OBSERVADOR NAS VOTACIÓNS DE CRIMEA
Mouriño está sancionado desde antes da invasión total ordenada por Vladimir Putin en 2022. O cre que a razón real do seu castigo é anterior, “participar como observador internacional no referendo sobre o status político de Crimea en marzo de 2014”.
O Kremlin usou aquel referendo de 2014 para xustificar a anexión da península á Federación, violando os tratados que fixaron a separación das repúblicas da ex-URSS. A maioría da comunidade internacional non recoñece a validez desa consulta. Rusia convidou a técnicos occidentais a supervisar aqueles comicios, entre eles Mouriño e exsecretario de Relacións Internacionais da partido Plataforma per Catalunya -un partido identitario de dereitas catalán- Enric Ravelló. Esa persoa nunha figurou no rexistro de sancións.
O sancionado quéixase, ademais, de que Kiev non lle concedeu dereito de defensa e mantéñao en “esta infame lista ucraína” que, di, “persegue fundamentalmente a xornalistas” e a personalidades públicas que mostraron as súas simpatías por Rusia como, cita, Albano ou Steven Seagal.
Mouriño é socio nos negocios do outro galego incluído no Rexistro Estatal de Sancións, o letrado Renato Alberto Landeira Prado. Ambos comparte dirección no grupo IberAtlantic. O avogado do Lupicinio International Law Firm Atlantic SL non respondeu por agora á solicitude de Galiciapress sobre comentarios sobre a súa inclusión na lista ucraína de sancionados.
Escribe o teu comentario