RUAGUA, un plan de economía circular chega á Rúa da man de Ikea, Cotec, Cetaqua e a Deputación
O próximo 4 de decembro, o municipio ourensán da Rúa acollerá a presentación do proxecto RUAGUA. Este evento, que terá lugar entre as 12:30 e as 14:00 no Centro Cultural Avenida, será inaugurado por Luís Menor, presidente do Consorcio de Augas de Valdeorras e da Deputación de Ourense.
A iniciativa ten como obxectivo principal establecer un modelo demostrativo de economía circular na Rúa. Este proxecto pioneiro pretende impactar positivamente mediante a valorización dos eixos auga-enerxía-residuos, coa intención de crear un modelo replicable de simbiose rural-industrial.
No ámbito da auga, Ruagua implementará un enfoque integral, dixital e áxil para achegar o uso de auga rexenerada a todos os sectores produtivos e servizos públicos. A iniciativa fomentará a sustentabilidade a través dun modelo de gobernanza cooperativa, asegurando así a dispoñibilidade de auga mesmo en tempos de seca e reducindo a tensión hídrica na contorna rural.
Ruagua traballará activamente para promover o desperdicio cero e reducir o uso de fertilizantes e químicos. Ademais, ofrecerá un compost de alta calidade. O proxecto tamén impulsará a produción de enerxía solar como fonte renovable, contribuíndo significativamente á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e ao combate do cambio climático.
Así, RUAGA promete non ser soamente un proxecto local, senón tamén un modelo de colaboración e sustentabilidade, segundo informaron os organizadores.
Forma así do proxecto DEMOS, unha iniciativa conxunta da Fundación Cotec e IKEA, que se centra no aproveitamento eficiente dos recursos da auga, enerxía e residuos, promovendo así a economía circular. No proxecto participa o instituto de investigación Cetaqua, no que participa a empresa galega de xestión de augas Viaqua.
O acto contará tamén coa presenza de Cristina Garmendia, presidenta da Fundación COTEC e de Nurettin Acar, CEO de Ikea España.
O xornalista Luís Pardo será o encargado de conducir o acto. Entre os invitados ao acto atópanse, por unha banda, a alcaldesa María Albert, ademais de Elvira Rodríguez, da Asociación de Vecinos Fontei; Emilio Manuel Respino, director do I.E.S. Cosme López, e Roberto Fernández García, vicepresidente primeiro do D.Ou. Valdeorras. Estas xornadas buscan ofrecer unha visión integral de como RUAGUA será un factor crave na loita contra a "tensión hídrica" que afecta á rexión.
Escribe o teu comentario