Un País Vasco máis soberanista e máis de esquerdas

Manoel Barbeitos
Economista

A análise dos resultados das recentes eleccións ao Parlamento Vasco permiten avanzar varias conclusións interesantes. A primeira fai referencia á  participación que foi do 62% (12 puntos máis que nas anteriores autonómicas celebradas en plena pandemia da COVID-19, pero inferior á dos xenerais do 2023 que fora do 65,09%) e que pon en evidencia como no País Vasco repítese unha tendencia xeral nos pobos de España marcada por unha maior participación nas eleccións xerais que nas autonómicas. Non se debería ignorar esta evidencia e facer as lecturas políticas pertinentes. 

 

A segunda é que as forzas soberanistas (#PNV, Bildu) suman unha clara maioría política (54 deputados: 72%) e social (613.000 votos: 68%). Unhas forzas soberanistas que, como xa escribín no seu día, abandonaron a vía rupturista da primeira década deste século para seguir a vía reformista do pacto e a negociación sen esquecer a mobilización social se fose necesario. Unha estratexia que inclúe o apoio parlamentario ao goberno de progreso (#PSOE/Sumar) fronte á oposición subversiva das dereitas extremas (#PP/Vox) e que, como estamos a ver, referendada pola maioría do pobo vasco dálles, especialmente a Bildu,  moitos réditos electorais. Pola súa banda o PNV, a pesar da importante perda de deputados (-4), non de votos (+20.000), seguirá á fronte da lehendakaritza que é o que máis lles interesa.

 

Un referendo que vén tamén avaliado polo mal resultado que repiten as dereitas extremas (#PP e Vox) a quen a súa aposta polo antisoberanismo (con intentos de identificase Bildu con ETA, cando esta leva desaparecida xa fai 13 anos) e o totalitarismo só carréxalle o apoio de 8 deputados (12%) e 132.000 votos (12,5%) o que as sitúan na irrelevancia. Resulta indiscutible que non entenden nada do que pasa no País Vasco o que, dalgunha maneira, as deslegitima para gobernar en España.

 

Nunha zona intermedia entre ambos aparecen as forzas democráticas non soberanistas (#PSE e Sumar) aínda que con resultados moi, moi diferentes. Mentres o PSE recupera parte de apoio perdido e crecemento en votos (+27.000: 14,2%) e deputados (+1: 12) a “nova esquerda” (Sumar e Podemos: 1 deputado) segue o seu camiño imparable á irrelevancia froito dos seus recorrentes erros e divisións. No caso do PSE este ascenso verase recompensado coa súa permanencia no Goberno vasco e seguramente con máis consellerías, algo que, ao tempo, servirá para manter o apoio ao goberno de Pedro Sánchez a quen o resultado global favorécelle sen dúbidas.

 

Un apoio que se ve confirmado pola evidencia de que as esquerdas (Bildu, PSE e Sumar) son clara maioría no País Vasco (40 deputados e 50% dos votos emitidos) que hoxe é máis de esquerdas que onte. 

 

Logo destas eleccións, no País Vasco todo segue igual? Aínda que no aire quedan algunhas incógnitas -como vai reaccionar o PNV ante a perda de poder político e como utilizará Bildu o gran apoio recibido- o País Vasco espertouse das eleccións autonómicas máis soberanista e de esquerdas. A pesar diso, moi posiblemente seguirá tendo un lehendakari do PNV e un goberno PNV-#PSE.

 

En España? Esperemos a que se produzan os resultados das eleccións catalás, pero parece indiscutible que a situación hoxe é máis favorable que onte ao goberno de quenda (#PSOE/Sumar) e a maioría parlamentaria que o apoia.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE